BNG reclama á Xunta que abandone a confrontación, exerza como Goberno e lidere a saída de ENCE da ría de Pontevedra
BNG reclamou á Xunta no Parlamento galego que “exerza como Goberno” e se poña á fronte da saída de ENCE da ría de Pontevedra. Así o reclamou en comisión parlamentaria o portavoz nacionalista de Medio Ambiente, Luís Bará, quen incidiu na necesidade de “asumir a realidade de que ENCE non pode estar na ría” e é preciso buscar unha solución con visión de futuro.
“A Xunta debe poñerse á fronte, creando unha mesa de negociación con todas as partes e traballando con discreción para buscar unha solución, unha saída mirando adiante”, recalcou para a continuación advertir que “para iso é preciso traballar dende a lealdade institucional e con vontade de diálogo e de entendemento e non na estratexia de confrontación e de oposición na que está instalado o PP”.
Bará subliñou a necesidade de recuperar os terreos onde está situada actualmente a factoría e de desenvolver un novo proxecto industrial que permita aproveitar a riqueza e o potencial da ría, pero con todas as garantías medioambientais. “Estamos no século XXI, hai que ter en conta todos os criterios medioambientais, de saúde e de seguridade, de distancia aos ámbitos urbanos”, recordou, logo de defender a recuperación dos terreos da ría e a construción nunha localización respectuosa dunha nova fábrica que peche os ciclos produtivos, o que permitirá gañar, mesmo duplicar, postos de traballo tanto na ría como no sector forestal.
“Completando os ciclos produtivos poderase producir papel e non só pasta”, subliñou o deputado nacionalista, quen recordou que a operación de traslado defendida polo BNG xa se ten realizado noutros lugares (“este é o exemplo a seguir”, recalcou) e suporía ademais máis postos de traballo tanto no desmantelamento da fábrica e na recuperación dos terreos, como na construción da nova factoría e no propio sector forestal.
Neste sentido, o deputado nacionalista considerou preciso desenvolver outro modelo forestal, “non a expensas de ENCE”, senón, como defende o Bloque, un modelo baseado na sustentabilidade, a biodiversidade e a multifuncionalidade do monte galego, o que permitiría no asegurar o seu mantemento senón a súa mellor e máis ordenada explotación.
Nunha pregunta urxente sobre as medidas que vai tomar a Xunta ante as declaracións nun vídeo do conselleiro delegado da compañía, Ignacio de Colmenares, sobre a inestabilidade da caldeira de recuperación da factoría e que Bará cualificou “dunha gravidade extrema”, o portavoz de Medio Ambiente amosou a fonda preocupación do BNG ante este pronunciamento que xera alarma sobre os riscos da fábrica, pode poñer de manifesto a no realización deliberada dos investimentos previstos e, ao seu xuízo, “evidencia unha campaña de presións para forzar a permanencia de ENCE na ría”.
Nesta liña, o deputado nacionalista recrimina a negativa do Executivo galego a condenar os ataques violentos contra o alcalde de Pontevedra. “Acabo de novo facéndolle unha pregunta que xa lle fixen antes e que non me respondeu: condena vostede como membro do Goberno da Xunta esa campaña violenta e concretamente as agresións violentas ao alcalde de Pontevedra?”, reiterou Bará na súa réplica sen obter resposta neste sentido pola secretaria xeral técnica da Consellería de Medio Ambiente, Carmen Bouso, que comparecía para dar resposta á pregunta nacionalista.