O BNG reclama o tren de proximidade para vertebrar o Vigo metropolitano
A candidata ao Senado Cecilia Pérez Orge e os candidatos ás alcaldías de Vigo e Redondela, Xabier P. Igrexas e Xosé Carlos González, defenderon o valor dobre do voto ao BNG por dar voz a Galiza e frear á dereita
O BNG reclamou hoxe na estación de Chapela en Redondela “un tren de proximidade que vertebre o Vigo metropolitano e permita á veciñanza unha mobilidade do século XXI”. A candidata ao Senado Cecilia Pérez e os candidatos ás alcaldías de Vigo e Redondela, Xabier P. Igrexas e Xosé Carlos González, coincidiron ao asegurar que as infraestruturas ferroviarias son un claro exemplo do abandono do Goberno do Estado -xa do PP, xa do PSOE- coa área de Vigo e indicaron que só o BNG será quen de dar voz real aos intereses de galegas e galegos no Congreso, polo que pediron o voto ao Bloque Nacionalista Galego o vindeiro 28A.
Pérez Orge lembrou que a reclamación do tren de proximidade é histórica, destacando que cando o BNG tiña presenza no Congreso dos Deputados da man de Olaia Fernández se presentaron iniciativas para a súa implantación. Salientou que dende que o BNG non está en Madrid “estamos totalmente esquecidos e abandonados” e subliñou por iso a necesidade de que o 28A se confíe no Bloque. “É a única maneira de que os intereses dos galegos e galegas estean perfectamente reivindicados, xa que o voto ao BNG ten unha dobre utilidade: que Galiza estea presente e non muda e tamén impulsar medidas e propostas que benefician a todas e todos freando á dereita”, subliñou.
Pola súa banda, o candidato á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas insistiu en que a cuestión ferroviaria é un dos mellores exemplos do abandono que padece o país independentemente de quen ocupe a Moncloa, xa que os gobernos do PP e do PSOE mantiveron no esquecemento a Galiza. “O único que ten o tren galego son anuncios e promesas sobre a alta velocidade que nunca se cumpren”, dixo.
Pérez Igrexas destacou que, ademais da necesaria alta velocidade é fundamental apostar por un tren de proximidade que permita vertebrar o territorio na área de Vigo, xa que “a integración metropolitana non será posible senón poñendo en marcha infraestruturas e conexións como a do tren de proximidade de Vigo até Pontevedra pero tamén até Tui, cara ao Sur, e avanzar na saída sur da Alta Velocidade que non chega nunca”, subliñou.
O candidato do BNG á Alcaldía de Chapela, Xosé Carlos González, asegurou que a estación de Chapela en Redondela é tamén outro símbolo do desleixo do Estado. Destacou que Chapela é a parroquia de entrada da maior parte das infraestruturas á cidade de Vigo, pero que polo abandono do Estado e pola falta de implicación do alcalde de Redondela nas reivindicacións leva desatendida máis de seis anos. “Recuperar esta estación é un símbolo para nós como un piar fundamental da rede de proximidade entre Vigo-Redondela-Pontevedra e consideramos que é unha aposta do BNG que o transporte metropolitano inclúa a mobilidade por vía férrea”, salientou.
Finalmente, concluíu que é “fundamental” que haxa presenza do nacionalismo galego da man do BNG en Madrid para ter unha comunicación directa co Estado tal como sucedeu cando o Bloque estaba no Congreso: “Recuperar esta estación e que Chapela estea conectada vía ferroviaria con Vigo e co resto da provincia é unha aposta de futuro moi importante”, sentenciou.