O BNG reclama un trato preferente para a pesca artesanal no reparto do FEMP no período 2021-2027
Noa Presas pide que Galiza teña decisión directa na UE na negociación do marco financeiro e que a pesca de baixura quede excluída dos TACs
O BNG alerta sobre o escenario incerto que se abre coa negociación do regulamento do Fondo Europeo Marítimo e Pesqueiro (FEMP) para o período 2021-2017, tendo en conta que é básico para o futuro do sector pesqueiro de Galiza, estratéxico nunha nación dependente da pesca.
Por iso, desde a formación nacionalista, a deputada Noa Presas reclamou á Xunta “que abandone a posición de submisión e compracencia permanente cos ditados de Madrid e de Europa e defenda ao sector pesqueiro galego, porque de como quede o regulamento que distribúa os recursos do FEMP vai depender o futuro da pesca artesanal e de baixura”. O actual fondo 2014-2017 conta cun orzamento de 6.000 millóns de euros.
Presas pide ao Goberno galego “que aprenda dos erros do pasado sen limitarse a ir a Bruxelas a tomar recado de decisións que son lesivas para Galiza”, por iso o BNG, a través da eurodeputada Ana Miranda, ven de levar unha delegación do sector pesqueiro a Bruxelas para facer valer os seus intereses.
Neste sentido, o Bloque pide capacidade de decisión en Bruxelas nas negociacións estratéxicas. “Debe ter voz directa en Europa nas decisións que se toman sobre sectores estratéxicos para o país, en lugar de Madrid que nos ten usado como moeda de cambio coa complicidade da Xunta, porque non temos un goberno que defenda a nosa pesca”, denunciou.
De cara á distribución do FEMP, o BNG pide que o regulamento teña en conta a situación de país altamente dependente da pesca e que se poda financiar con recursos dese fondo o marisqueo a pé, axudas para cobertura en caso de mal tempo, no caso de paradas da frota por mor de catástrofes ambientais ou peches por razóns biolóxicas como as mareas vermellas.
Igualmente, a formación nacionalista insta á Xunta a defender que a pesca artesanal e de baixura queden excluídas dos TACs “porque teñen un efecto demoledor no emprego”, e criticou o efecto perverso da estabilidade relativa que se traduce en que haxa países que manteñen cotas de pesca por riba das súas posibilidades mentres Galiza non ten cota suficiente.