Parlamento Galego

BNG reclama solucións para as persoas da Estrada que teñen que desprazarse a Santiago para recibir o tratamento de diálise

Ariadna Fernández

A deputada Ariadna Fernández asegura que se tarda como mínimo hora e media de traxecto nunha ambulancia sen persoal sanitario especializado

O BNG reclama solucións para as persoas da Estrada que teñen que acudir ao seu hospital de referencia en  Santiago, facéndoo ademais nunha ambulancia compartida con persoas que acoden a outro tipo de consultas e que tarda máis de hora e media nun traxecto que tería que durar arredor de 25 minutos e que se realiza sen contar con persoal sanitario especializado.

A deputada Ariadna Fernández preguntou na comisión de Sanidade polas medidas que a Xunta vai adoptar para corrixir o fenómeno de dispersión e minimizar os seus efectos nos e nas pacientes deste concello que acoden a diálise e propuxo como posible emprazamento o centro de saúde da Estrada, que “ten espazos baleiros que non se están usando”, apuntou.

Fernández advirte que estes traxectos se realizan cunha empresa de ambulancias privada que conta cun só condutor, sen persoal sanitario a bordo, “co perigo que isto leva engadido” e co prexuízo de que, en caso de que houbese unha emerxencia con algunha pasaxeira, habería que acompañar esa persoa ata o hospital para que fose atendida.

Asegura que o tratamento de diálise  ten unha duración estimada de catro horas pero que hai ocasións nas que os e as doentes chegan a pasar oito horas fóra das súas residencias, tendo que saír en moitos casos ás seis da mañá para poder chegar á quenda da mañá. Quen lle toca na quenda da tarde, “chega á súa vivenda a horas intempestivas”, recalcou.

A deputada considera que eses traxectos constitúen “un prexuízo para a súa calidade de vida e para o seu estado ao rematar o tratamento ao que son sometidos e que os deixa en condicións de debilidade física”.

“O intento por parte dos responsables deste transporte de optimizar as viaxes ao máximo supón que medre o nivel de desgaste físico dos e das doentes, provocando a diminución da súa autonomía e a súa inclusión social ao non ter flexibilidade horaria no desenvolvemento da súa rutina diaria, que en moitos casos se repite tres días por semana”, sinalou.

É por iso que Ariadna Fernández tamén preguntou se a Xunta do PP ten previsto usar outro tipo de transporte máis personalizado en zonas rurais “para que os  e as usuarias non pasen horas de viaxe innecesarias” e tamén se ten previsto a Consellería de Sanidade “solicitar que se dote de persoal sanitario estas ambulancias debido ao risco de efectos secundarios que se poidan nas persoas doentes durante o traxecto de volta ás súas casas”.

A resposta do PP de que “poñen os pacientes no centro do proceso” non convenceu a deputada do Deza, que lle reprochou que “estarían no centro do proceso se fosen ao concello e os recibisen”,  xa que moitos doentes non saben nin a quen dirixirse para trasladarlles as súas queixas.

Tampouco lle convenceu a resposta de que están intentando anticipar as enfermidades renais, porque “o que hai é que atender as persoas que xa a están padecendo”, dixo.

A diálise domiciliaria, tamén suxerida polo representante do PP “tampouco é a solución para todos”, advertiu, porque “vai seguir habendo xente que teña que seguir acudindo ao seu centro hospitalario de referencia”, aclarou.

Así mesmo, reprochou que o PP falase da compensación económica para aquelas persoas que opten por ir facer a diálise pola súa conta, e contestoulle parafraseando ao veciño da Estrada, Manuel Villaverde, que reuniu máis de 6.000 sinaturas para pedir que se poida facer o tratamento de diálise no centro de saúde da Estrada: “a contía económica actual é inaceptable”.

 “Desde o BNG imos estar sempre a carón destes pacientes para que a sanidade pública sexa sempre pública e de calidade e que garanta o seu benestar”, rematou.