parlamento galego

BNG reclama un sistema de financiamento local que non afogue os concellos con competencias que non lles corresponden

Óscar Insua
Insta ao Goberno do PP a aprobar unha lei galega de facendas locais que teña en conta os maiores custos da prestación dos servizos
 

O portavoz de Administración Local, Oscar Insua, reclamou unha reforma do actual modelo de financiamento local, “que teña en conta os maiores custos da prestación dos servizos derivados da realidade galega”.

Fíxoo a través dunha proposición non de lei durante a Comisión 1ª,  na que anunciou que o BNG “promoverá unha Lei galega de facendas locais e un novo sistema de reparto das transferencias non finalistas aos concellos, mediante un plan único que aglutine os recursos do Plan de Cooperación Local e doutros programas de cooperación autonómicos, co obxectivo de evitar a distribución discrecional e partidista de fondos públicos”. A proposición foi rexeitada polo PP.

Insua pediu incrementar para este ano o Fondo Galego de Cooperación, “de modo provisional e urxente, con carácter de financiamento incondicionado, reducindo as liñas de axudas con carácter finalista e integrándoas no propio Fondo”.

No seu argumentario, o deputado nacionalista puxo de manifesto as dificultades que teñen os concellos para “soportar unha carga económica insostible” en moitos servizos imprescindibles para a cidadanía.

Cualificou a situación de “extrema e preocupante, cando existen xa máis de medio centenar de municipios que duplican o período máximo legal para pagar facturas, e outros teñen necesidade de executar plan de axustes económicos financeiros mentes o goberno da Xunta segue sen reaccionar, abandonando a todos os concellos á súa sorte”, recriminou.

Insua puxo como exemplo o servizo de axuda no fogar, que xestionan e prestan as entidades locais aos usuarios dependentes, sobre todo nos concellos de menos de 20.000 habitantes, e en especial nos de menos de 5.000”.

Denunciou que os concellos están asumindo “unha competencia que non lles é propia” e que xestionan por delegación da Xunta de Galiza, que, lamentou, “non está acompañando coa financiación oportuna” o que provoca “o seu afogo económico ao ter que asumir máis do 50% do custe do servizo”. Isto ten consecuencias como a de “non poder ofrecer todas as horas concedidas de dependencia”, aclarou.

Asegurou que “esta non é unha demanda partidista”, posto que os concellos “están gobernados por distintas forzas políticas”. En canto a o argumento do PP de que é un problema do Estado, Insua recriminoulle que entre 2011 e 2018 “non se fixo nada para o financiamento local. Acusou ao Executivo de Alfonso Rueda de “estar chorando cada dúas por tres, cando vostedes teñen os mecanismos legais e teñen unha maioría para resolver os problemas dos concellos” .  

“Hai que facer un plan único, como se fixo na Deputación da Coruña, Pontevedra, en Lugo e ata en Ourense, reclamou, e aclarou que ese plan se respectou porque “non son fondos condicionados. Cos fondos Cooperación hai que facer exactamente o mesmo, non deben ser fondos condicionados”, reclamou.

Quixo lembrar tamén que a Federación Galega de Municipios e Provincias, na súa última Asemblea Xeral, manifestou, entre outras moitas demandas, “a aprobación definitiva dunha norma reguladora das facendas locais de Galicia, tal como dispón a Lei do local galega de 1997”.

Neste senso, recriminoulle o “ninguneo” que exerce o Goberno do PP coa Fegamp, xa que “o presidente da Xunta ten tempo para ir a Arxentina e non ten tempo para sentarse co presidente da federación dos concellos de toda Galiza”.  

Acusou ao PP de “aforrar os cartos”, algo que “que está a pasar en todos os concellos”, incluídos os gobernados polo Partido Popular. “O propio goberno admite na memoria dos orzamentos do 2024, que no ano 2023 destinou ao Fondo de Cooperación Local 143,4 millóns de euros, mentres que din que puxeron a disposición dos concellos galegos un total de 564,3 millóns de euros, a través de distintas liñas de axudas, polo que é patente o carácter condicionado do 75 % dos fondos destinados aos concellos.”

Así mesmo, acusou á  Xunta do PP de “encargar un informe á USC para delimitar as competencias das administracións autonómica e local. Un estudo que, dixo, é “como quen llo encarga a un amigo” e do que, a día de hoxe e desde o pasado mes de novembro, aínda non se teñen noticias.  

Rematou recordándolle ao PP que xa  “son moitos anos”, que “están gobernando desde 2009, o IPC subiu e os concellos non aguantan máis”.