BNG reclama na rúa unha saída xusta e galega a unha crise de prezos que é unha estafa á maioría social
Ana Pontón: “O BNG é o instrumento que ten Galiza para ganar un futuro mellor, conquistando calidade de vida e máis oportunidades”
Propostas: intervención da enerxía e tarifa eléctrica, fiscalidade xusta, rede de protección social, blindar a sanidade e todos os servizos públicos e limitar tanto o prezo dos alugueres como das hipotecas
O BNG encheu as rúas de Santiago nunha mobilización en defensa dunha saída xusta e galega a unha crise de prezos que cualifica de “estafa á maioría social”, ante a que a portavoz nacional, Ana Pontón, reclamou “non mirar cara outro lado mentres se repiten os erros do pasado e se pretende que a maioría pague os pratos rotos dunha crise que non provocou, mentres os de sempre se enriquecen”.
O Bloque considera que hai alternativas “e estamos aquí para defendelas”, proclamou Pontón, quen destacou que o BNG é “o instrumento que ten o pobo galego para gañar un futuro mellor, para tronzar os deseños centralistas e, desde a confianza e amor en Galiza, conquistar calidade de vida e máis oportunidades”.
Neste sentido, demandou “valentía e decisión” tanto ao Goberno do Estado como ao da Xunta, para que adopten medidas a favor da maioría, como as que defende o Bloque.
Medidas como a intervención pública para poñer a enerxía ao servizo da sociedade e unha tarifa eléctrica galega que permita abaratar a factura da luz nunha Galiza rica en electricidade. “Xa está ben de ser un colonia enerxética de Madrid e das eléctricas, soberanía enerxética para Galiza”, demandou na súa intervención na Praza da Quintana,.
Entre as propostas ante a crise, o BNG propón tamén unha fiscalidade xusta, “na que pague máis quen máis ten”, alegou, como as enerxéticas, a banca ou as grandes distribuidoras da alimentación, tras considerar “obsceno” que unha presa de multinacionais se forren mentres moitas familias non chegan a fin de mes. Pero lonxe de ir nesa dirección, o “intrépido” goberno do PP ven de facer un agasallo fiscal de 36 M€ as persoas máis ricas de Galiza, mentres suprime a tarxeta básica de axuda á compra de alimentos as familias con menos recursos.
Neste sentido, Pontón destacou entre as propostas nacionalistas a posta en marcha dunha rede de protección social con medidas como a recuperación da tarxeta básica, subir as pensións non contributivas, impedir os desafiuzamentos ou limitar tanto o prezo dos alugueres como a suba das hipotecas en vivenda habitual. E, por suposto, fortalecer os servizos públicos, en particular a sanidade cun plan de reforzo da atención primaria, ante un goberno do PP que “pon en perigo a saúde dos e das galegas” tras trece anos de recortes e ultraliberalismo.
“Somos plenamente conscientes das dificultades e dos desafíos do actual momento e sabemos que para saír desta encrucillada é fundamental poñer por diante os intereses da maioría e de Galiza, e tamén temos claro que precisamos de máis poder político, de máis capacidade de decisión, de máis autogoberno e menos dependencia para encarar os desafíos do futuro e para conquistar máis benestar e máis prosperidade”, salientou a líder nacionalista, quen subliñou que o BNG non escatimará esforzos para conseguilo.
“Imos seguir traballando duro, nas institucións e nas rúas, para non deixar atrás a quen máis o necesita, para artellar unha saída xusta e galega a esta crise, para impulsar cambios transformadores que nos fagan avanzar e mellorar como sociedade e para darlle esperanza e futuro á xente deste marabilloso país que se chama Galiza”, proclamou.
Inutilidade política do PP
Na súa intervención, Pontón criticou a “inutilidade política” do PP para loitar contra a crise e dar alternativas, ao contrario, “goberna para unha minoría mentres deixa á intemperie á maioría, goberna para o lobby enerxético mentres deixa de lado ás PEMES, mentres se destrúen 15.000 empregos na industria e mentres lle crea problemas os galegos e ás galegas, como cando debilita os servizos públicos para favorecer o negocio privado”, indicou, en referencia á sanidade, á educación ou á atención ás persoas maiores.
A líder do Bloque tampouco obviou no seu discurso que a crise de prezos esconde potentes intereses económicos e xeopolíticos que están provocando máis tensión e guerras continuas. “Detrás da inflación hai tensións xeopolíticas e na orixe da actual crise de prezos hai decisións das elites económicas e políticas ianquis para reforzar a súa hexemonía, en particular no eido enerxético”, denunciou, como proba que Europa está mercando gas americano moito máis caro que o gas ruso, xa con anterioridade á invasión de Ucraína.
Unha invasión que “o BNG considera inxustificable como forza antiimperialista e defensora da soberanía”, reiterou, ao tempo que reclamou que se aposte pola paz e polo diálogo, tanto neste caso como no resto de conflitos e guerras no mundo. Finalmente, criticou o papel que está xogando a Unión Europea, convertida en “triste monicreque” ao servizo dos intereses de EEUU, “aceptando indigna e acriticamente decisións que paga a maioría da cidadanía cada vez que prende a luz, a calefacción ou enche o depósito de gasolina”, submisión que tamén practica, reprochou, a “progresía” madrileña gobernante que aposta por máis gasto militar que significa recortar gasto produtivo e social.
Neste sentido criticou que, ante unha crise que se ceba coa maioría, se fale de “pacto de rendas” para impoñer subidas salariais moi por debaixo do IPC mentres os beneficios das eléctricas ou da banca marcan se disparan; que presente reforma das pensións que empobrece a clase traballadora, -o que é especialmente grave nunha Galiza que ten pensións que están á cola-, ou que se aplique unha política monetaria que afoga ás familias coa suba das hipotecas.
“Por iso, recalcou, temos que actuar con decisión para evitar que esta crise traia máis desigualdade social e máis desigualdade territorial”, concluíu.
Na Quintana, punto final da manifestación, a secretaria xeral de Galiza Nova, Marta Gómez, puxo voz á mocidade galega, da que dixo, “queremos algo tan simple, como revolucionario: vivir aquí, dignamente. E por iso nos mobilizaremos sempre que sexa necesario, porque claro que hai alternativas, como as que propón o BNG, pero para levalas a cabo fai falta valentía e poñer por diante os intereses das maiorías sociais”, recalcou, tras denunciar a precariedade, as dificultades para independizarse e para poñer en marcha os seus proxectos vitais que ten a gran maioría da mocidade galega.