parlamento galego

BNG reclama a retirada do “sablazo” de Sogama e pide un gran acordo de País para un novo modelo de xestión dos residuos

Luís Bará
Luís Bará acusa ao PP de querer que os concellos paguen o fracaso da súa xestión e do sistema “obsoleto, centralizado e antiecolóxico” de Sogama

O portavoz de Medio Ambiente, Luís Bará, emprazou este mércores a Sogama a retirar o “sablazo” que supón para os concellos o aumento polo canon do tratamento de residuos co que, dixo, “queren facer pagar aos cidadáns o fracaso do seu sistema e a mala xestión da Xunta”. Bará instou así aos responsables do complexo de Cerceda e da Xunta do PP a sentarse a negociar coa Fegamp para “negociar en serio” deixando a un lado o “ordeno e mando” e a imposición do incremento na taxa, que pasará a ser de 66 euros por tonelada.

Bará aproveitou a comparecencia do presidente de Sogama en comisión parlamentaria para propor ademais un gran pacto de país que permita avanzar cara un novo modelo na xestión dos residuos municipais, especialmente -dixo- dos biorresiduos. “Non se trata de dicir que é mellor Sogama que os sistemas da Serra do Barbanza ou de Nostián, senón de aproveitar o mellor de cada un para ir a un novo modelo”, asegurou.

O deputado nacionalista fixo estas consideracións logo de advertir da “deriva suicida” que a Xunta do PP mantén en materia de residuos urbanos, pois o modelo de Sogama é “obsoleto, centralizado e anticolóxico”, como demostra o feito de que Galiza se sitúe á cola en reciclaxe, lonxe aínda de cumprir cos criterios que marca Europa. Subliñou, neste sentido, que a porcentaxe de reciclaxe en Sogama no 2020 foi do 21 %, cando a UE marcaba case o 50 %. “Somos a segunda peor comunidade do Estado en cifras de reciclaxe”, sostivo.

Bará destacou que a aposta do BNG é a de primar o tratamento de proximidade dos biorresiduos, con sistemas de compostaxe domiciliaria e comunitaria, e sobre esta cuestión, tachou de “delirante”  que Sogama intente vender como un gran logro a ampliación do macrocomplexo de Cerceda para tratar alí máis residuos, pois vai en contra das directivas europeas, dos plans estatais e do propio plan da Xunta prorrogado até 2022, que establecía -recordou- que había que tratar mediante compostaxe 245.000 toneladas cando a cifra oficial de 2022 apunta a que só se chegou ás 3.000.

Sobre as contas de Sogama e a súa xestión, apuntou que “as cousas íanlle ben porque é un sistema dopado que vivía por riba das súas posibilidades, polo prezo elevado da electricidade e polas primas a produción de enerxía”. Para desmentir a “trola” do presidente da Xunta en sede parlamentaria, aclarou ademais que a entrada en vigor do novo imposto por depósito en vertedoiro e incineración -co que Sogama xustifica o incremento do canon- é unha obriga europea que se aplica xa noutros países.

Un imposto, explicou, que trata de penalizar sistemas finalistas e primar outros “máis acaídos dende o punto de vista da xestión eficiente dos residuos”, sendo a incineración “a última das opcións”. Criticou así que, segundo os informes de Sogama, o 80 % dos residuos que entran no seu complexo -750.000 toneladas en 2022- van a incineración (60%) ou vertedoiro (20%). “Este é o balance da súa magnífica xestión o do exemplo mundial que din que é Sogama”, ironizou.

Bará fixo referencia así mesmo a supresión das primas as renovables e considerou “totalmente lóxico que o Estado deixe de pagar 4.000 millóns de euros e empresas de produción de enerxía renovable -entre elas Sogama tras o cambalache feito en 2014- por vender enerxía a 122 euros o megawatio”.

“Vostedes eran coñecedores desta situación e a pesar de todo seguiron para adiante”, reprobou o deputado do BNG ao directivo de Sogama, criticando que agora se queira aplicar “de maneira absolutamente perversa con efecto retroactivo e dubidosa legalidade o incremento do canon”, cando os concellos xa teñen feitas as súa previsións de ingresos e gastos para este ano.