O BNG reclama restituír os dereitos d@s empregados públicos e a negociación colectiva

A deputada Tereixa Paz instou ao Goberno a iniciar negociacións coas organizacións sindicais para proceder a derrogar as medidas de recortes impostas pola Lei 1/2012

A parlamentaria do BNG, Tereixa Paz defendeu hoxe na comisión de Administración pública unha proposición non de lei destinada a derrogar as medidas de recortes impostas polo goberno a través da lei 1/2012 aos empregad@s públicos e iniciar a “negociación colectiva”.

Tereixa Paz lembrou que nos orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2015 consolidaba a totalidade dos recortes “tanto sociais e laborais como salariais que se lle impuxeron aos e ás empregadas nos últimos anos”.

Na súa intervención, a deputada aludiu ás manifestacións realizadas polo director xeral de Administración Pública nas que afirmou que tras negociacións cos sindicatos a situación estaba resolta, sen embargo, explicou a nacionalista, o propio comité intercentros negou as afirmacións do director xeral e do propio conselleiro.Os sindicatos, dixo, seguen reclamando a derrogación da lei que restrinxiu os dereitos d@s empregad@s públicos e provocou un gran impacto no empeoramento dos servizos e atención ás persoas usuarias e. “Con 1.500 persoas menos seguen realizando o mesmo traballo ao que hai que sumar o recorte dos días de descanso dos traballadores forestais e traballador@s sociais” polo que reclamou recuperar o dereito á “negociación colectiva” e a restitución dos dereitos dos traballadores e traballadoras públicas”.

A parlamentaria lamentou o anunciou do voto en contra do portavoz do Partido popular, Gonzalo Trenor que xustificou os recortes por mor da crise económica e afirmou que os orzamentos do 2016 “son expansivos” e incrementarán nun 1 por cento o salario dos empregados públicos.

Na réplica, a parlamentaria recalcou que a crise económica foi utilizada polo Partido popular para reconverter o sector público, “non por razóns económicas senón por razóns ideolóxicas”. A deputada insistiu que deben ser garantidos os dereitos dos traballadores/as e tamén “a calidade do servizo que se lle presta as persoas usuarias” e vostedes, dixo, non poden seguir co mantra de que “recortan para garantir a calidade dos servizos públicos” porque nunha residencia de terceira idade para persoas asistidas non se pode atender a máis persoas con “1.500 persoas menos nos servizos públicos”. O seu discurso do PP valía hai cinco anos pero hoxe “ninguén o cre porque vai en contra da calidade dos servizos públicos”, concluíu.