BNG reclama a recuperación da Área sanitaria de Valdeorras
Tras a mobilización, ás portas do Hospital Público do Barco de Valdeorras contra “o deterioro da atención sanitaria” e o desmantelamento de servizos sanitarios que paulatinamente están a converter o Hospital nun “centro de especialidades”, a deputada do BNG, María Albert reclamou a “recuperación da Área sanitaria de Valdeorras” e frear os continuos recortes na atención sanitaria do Hospital Público do Barco de Valdeorras e a súa comarca.
O BNG, explicou Albert, rexistrou unha batería de iniciativas ao fin de recuperar “persoal especialista en traumatoloxía e radioloxía”. No servizo de traumatoloxía, explica a deputada nacionalista, “pasamos de catro especialistas a un” e no servizo de radioloxía con dous radiólogos, un deles “exento de gardas”. En ambas especialidades, engade a parlamentaria do BNG, “non se están a cubrir as gardas durante a fin de semana” obrigando aos usuarios e usuarias a desprazarse ao Hospital de Ourense, empregando no desprazamento máis dunha hora.
Ademais, lembrou que a carencia de ambulancias obrigou aos usuarios e usuarias a utilizar o seu propio coche para o desprazamento, entre o Barco de Valdeorras e o Hospital de Ourense, cos problemas que convela.
No Barco de Valdeorras e a súa comarca, remarcou Albert, “merecemos unha asistencia sanitaria de primeira, próxima e unha sanidade que atenda a unha poboación moi envellecida que vive a grande distancia de todas as cidades galegas”.
Despois de tres semanas de mobilizacións, ante o Hospital Público do Barco de Valdeorras demandando a recuperación da Área Sanitaria, a nacionalista reitera que o BNG continuará reclamando “unha sanidade pública próxima e de calidade” e apoiará todas aquelas iniciativas para denunciar o desmantelamento iniciado polo Partido popular na asistencia sanitaria en Valdeorras e na súa comarca.