BNG reclama que se repoña de xeito inmediato o servizo de urxencias en Moaña e se reforcen as ambulancias na comarca
O deputado Paulo Ríos reclamou no Parlamento que se repoña de xeito inmediato o servizo de urxencias en Moaña e se reforce o servizo de ambulancias na, e advertiu que é hora de que o Goberno do PP remate co “castigo ao que ten sometida” á súa veciñanza, que leva 135 semanas mobilizándose “para recuperar a asistencia sanitaria que tiñan antes da pandemia”.
Ríos preguntou na comisión de Sanidade polas razón, unha vez superados os momentos máis duros da pandemia da Covid19, de non devolverlle á localidade do Morrazo o servizo de urxencias, se o PP era “consciente dos problemas derivados da súa eliminación e do seu traslado ao centro de saúde de Cangas”.
Na súa exposición advertiu que, na última década e coa excusa da crise, a Xunta do PP aplicou “duras políticas de recortes e fixo modificacións lexislativas e organizativas que danaron gravemente a sanidade pública de Galiza” e que todas as medidas que tomaron tiveron como fin a “privatización e o desmantelamento” do noso sistema de saúde, con “recortes continuos e a posta dos nosos recursos ao servizo de intereses privados para poder facer negocio coa enfermidade das persoas.”
Neste sentido, o deputado nacionalista denunciou a “redución de orzamentos, de centros, de profesionais, de camas hospitalarias”, así como as “privatizacións e externalización de servizos esenciais, as derivacións de doentes a centros privados, as listas de agarda disparadas, os colapsos de urxencias” ou a “desatención clamorosa da saúde mental e das mulleres”.
Engadiu que hai períodos nos que non se substitúen a pediatras, “obrigando as familias a desprazarse ás urxencias hospitalarias ou a acudir á sanidade privada, algo -incidiu- totalmente inadmisible, ademais de ter que soportar elevadas tempos de agarda para unha cita”.
O deputado do Morrazo criticou que a Consellería de Sanidade “teima” en manter as urxencias de Moaña no PAC de Cangas, a pesar de que na maior parte do tempo se atopa “colapsado” porque “non se dota do persoal necesario para atender ás máis de 46.000 persoas residentes en ambas localidades”.
Na súa réplica e ante a falta de respostas concretas por parte do xerente do Sergas, José Ramón Parada, Rios reclamoulle “respecto e decencia” coa veciñanza de Moaña, e fíxolle unha pregunta moi clara: “vai estar en prazo construído o novo centro de saúde de Moaña? Eu creo que é un intercambio xusto, 135 semanas da veciñanza pedíndollo por dez segundos da súa honestidade e do seu rigor”, rematou.