congreso

BNG reclama que non se penalicen fiscalmente as herdanzas en vida propias do dereito civil da Galiza

Néstor Rego

A forza nacionalista presentou emendas ao Proxecto de Lei 'antifraude', que no relatorio foron rexeitadas por PSOE e Podemos. Na próxima terza feira será debatida na Comisión de Facenda do Congreso.

Néstor Rego considera 'inxusta e inxustificábel' esta nova inxerencia nas competencias galegas que, se se aprobar, afectará negativamente millares de persoas.

Nesta semana produciuse o debate no relatorio do  Proxecto de Lei de medidas de prevención e loita  contra a fraude fiscal, ao que o BNG presentara emendas por invadir as competencias galegas previstas no Dereito Civil da Galiza e penalizar fiscalmente as herdanzas en vida. Néstor Rego lamenta que PSOE e Unidas Podemos votasen en contra das propostas nacionalistas para evitar unha inxerencia 'inxusta e inxustificábel' e chama as forzas que apoian o Goberno a rectificar na votación que se producirá na próxima terza feira, día 25, na Comisión que aprobará a Lei.

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, lembrou que “o proxecto de lei invade as competencias da Galiza, polo que as reformas que afectan aos pactos sucesorios deben ser retiradas do texto”. “En primeiro lugar - sinalou- o Estado non pode regular indirectamente unha figura propia do dereito civil da Galiza, facendo que na práctica non sexa posíbel acudir á figura dos pactos sucesorios. E ademais, a regulación que pretenden supón un tratamento discriminatorio desde o punto de vista fiscal para aqueles herdeiros ou herdeiras que reciban bens en vida fronte a aqueles que o fan tras a morte dun familiar.”

Rego explicou que neste último caso, se a persoa que herda recibe os bens tras a morte do familiar e a continuación procede a súa venda, só deberá tributar pola plusvalía desde o momento da recepción dos bens e até a efectiva transmisión; no entanto, o texto do proxecto de lei prevé que se se tratar dunha herdanza en vida, e  os bens foren vendidos antes da morte do causante, deberá tributar polo incremento patrimonial desde que o testador adquirise o ben.

“Resulta a todas luces inxusto considerar que realizar un acto lexítimo segundo o Dereito Civil Galego e respectando as normas tributarias propias da Administración galega, sexa unha práctica de elusión fiscal. Non só estamos a falar dunha inxerencia nas competencias galegas, estamos diante dunha medida inxusta e inxustificábel que penalizará fiscalmente as herdanzas en vida até as facer practicamente inviábeis” sinalou Rego.

O deputado nacionalista critica a actitude das forzas que apoian o Goberno, PSOE e Unidas Podemos, que no relatorio votaron en contra das emendas do BNG que eliminaban as referencias ás herdanzas en vida co obxectivo de preservar o previsto no dereito civil galego. “Unha vez máis, PSOE e Podemos poñen por diante a obediencia a Madrid á defensa dos intereses de todos os galegos e galegas. Unha vez máis, tamén, ficou demostrado que só o nacionalismo defende con coherencia aquilo que interesa ao noso pobo e á nosa xente”, salientou Néstor Rego.

En todo o caso, segundo o deputado do BNG, “aínda estamos a tempo de corrixir esta nova ameaza á calidade de vida e benestar de galegos e galegas”. Na próxima terza feira (25) terá lugar na Comisión de Facenda do Congreso o debate das emendas e a aprobación definitiva da Lei. “Esperamos que PSOE e Podemos rectifiquen e se abran a unha solución como a recollida nas emendas do BNG que evite esta nova inxerencia centralista e a penalización fiscal das herdanzas en vida”, sinalou.