BNG reclama protocolos homoxéneos de prevención e vacinación da COVID para os traballadores do mar consensuados co sector
Protocolos homoxéneos para evitar os contaxios de covid e plans de vacinación simultáneo para os mariñeiros da mesma embarcación son dúas das reclamacións que defenderon a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, a deputada no Parlamento galego, Carmela González, e o responsable de CIG Mar, Xabier Aboi. “Vemos que hai unha disparidade de criterios en materia de repatriación, prevención e vacinación, que nos preocupa moito porque non se cumpre a normativa europea”, destacou Ana Miranda.
“Existe unha normativa internacional, que considera ás profesións do mar como sector esencial”, explicou a portavoz do BNG en Europa, en relación á declaración que fixo Nacións Unidas e a Organización Marítima Internacional, así como unha comunicación da Comisión Europea de abril de 2020 sobre a protección da saúde, a repatriación e disposicións de viaxe respecto aos traballadores do mar, que non se está cumprindo axeitadamente.
Ao respecto Ana Miranda sinalou que o BNG instará na Comisión de Pesca da Eurocámara "que garanta que los Estados membros, e a Xunta, cumpran este protocolo". Miranda sinalou tamén que o Bloque está en contacto directo coas tripulacións que neste momento están en confinamento ou con membros contaxiados, así como co consulado de Bahía, “que nos trasladou abundante información, pero non é así o caso de da administración galega”, e aos que lles trasladou a solidariedade do BNG.
Saúde garantida ao saír ao mar
A deputada nacionalista Carmela González anunciou asemade a presentación de iniciativas no Parlamento galego e no Congreso para esixir que a administración autonómica e estatal “redacten protocolos claros e que funcionen de acordo co sector, que é o que realmente coñece as súas condicións do traballo ". Segundo sinalou os protocolos teñen que ser levados a práctica con tempo en terra suficiente para que non salten os casos unha vez que saen ao mar e polo tanto “que poidan saír ao mar coa seguridade de ter a saúde garantida”.
No tocante ao protocolo de vacinación considerou fundamental que sexa redactado tendo en conta as características específicas dos traballadores do mar, que veñen uns días determinados a terra e volven saír. “Isto hai que redactalo xa, non podemos esperar a que vaian pasando os días e os barcos vaian saíndo, xa que hai algúns que xa non volven até dentro de tres ou catro meses”, apuntou, ao tempo que trasladou a “sensación de soidade e abandono dos mariñeiros ante os casos de covid que están saltando nos barcos”.
Pola súa banda, o responsable de CIG Mar, Xabier Aboi, criticou que “hai fallos antes de saír ao mar”, polo que demandou á Xunta “que non se esconda”, e que “se sente con armadores e sindicatos e marque un protocolo”. Ao respecto denunciou que precisamente pola ausencia de protocolo claro, hai tripulantes asintomáticos que pasan a corentena fondeados ou amarrados nos portos, “en barcos que non teñen as debidas condicións sanitarias”, en lugar de nas súas casas.
“O problema das vacinas non é cousa do ISM (Instituto Social da Mariña) como di a Xunta”, sinalou a respecto do protocolo de vacinación, xa que “quen ten as competencias de Sanidade e está vacinando, e quen ten os medios en todas as poboacións, é o SERGAS”. “Este é un sector fundamental porque trae alimentos e hai que ter preparado un plan de vacinación”, concluíu.