BNG reclama prezos xustos para a produción de vacún
Tras salientar as dificultades do sector produtor de vacún con custes de produción que non se corresponden cos prezos de venta, o portavoz de Agricultura e Gandaría do BNG, Xosé Luís Rivas, (Mini), defendeu unha proposición non de lei destinada a establecer “prezos xustos” introducindo nos contratos “cláusulas que reflictan o incremento dos custes” a través dunha “Comisión técnica” destinada a establecer o calculo do devandito incremento na alimentación do gando, outros insumos, abonos, combustible e electricidade, etc.
A finais do ano 2019, antes da Pandemia, afirmou o nacionalista, pagábase a 5 euros/kg/canal, cifra que non cubría custes de produción e posteriormente, esta cantidade foi reducida a 4.40 € e 4.50 € provocando grandes perdas para as granxas.
Ante a grave situación do sector cárnico, Mini propuxo, promover un Foro de encontro de debate e negociación, arbitrado e moderado pola Consellería do Medio Rural, cos axentes da cadea de produción, obtención e comercialización da carne de vacún e abrir “unha liña de axudas directas ao sector”, autorizando un pago adicional por becerro sacrificado vinculado á vaca nutriz que permita equilibrar os prezos; ou ben facendo un pagamento directo por vaca nutriz ou por granxa, para asegurar o pago á granxa que cría os becerros garantindo así a continuidade das granxas, moitas delas, dixo, “situadas en zonas desfavorecidas e de alta montaña”.
O deputado do BNG demandou ao goberno galego, elaborar “un plan estratéxico de comercialización dos produtos de proximidade e de calidade, a través das plataformas electrónicas e baixo a modalidade online ou de venta directa” porque na súa opinión, resulta “urxente formar e capacitar aos pequenos/as gandeiros nas ferramentas TIC para salvar a fenda dixital no medio rural , e tendo en conta a estrutura demográfica con titulares de idade avanzada á fronte das explotacións gandeiras.”
Por outra parte, tamén reivindicou deseñar e poñer en práctica un programa de estratexias na innovación tecnolóxica nas granxas de produción de carne, como a investigación en materia de elaboración de novos produtos elaborados, envases con novas técnicas de conservación, novos mercados exteriores (acordos para fomento da internacionalización), fomento da programación de partos para desestacionalizar a produción e adecuala á demanda real. Para acadar esta estratexia, afirmou, resulta preciso “asegurar condicións técnicas e económicas viables para incorporar á actividade gandeira de produción de carne a novos e novas mozas e favorecer o relevo xeracional ao fronte das granxas existentes.”
Tras a intervención da portavoz do PP, Elena Candia López que propuxo unha emenda ao texto do BNG, o parlamentario nacionalista respondeu que, “non aceptaba “ por considerar que respondía a “unha manobra disuasoria” para evitar posicionarse sobre o acordo proposto polo BNG sobre a problemática da carne de vacún.
Para debater e dialogar sobre os problemas dos produtores de carne, dixo, sempre terán a man tendida do BNG a pesar de que sabemos que van a distorsionar o debate e recoller “o que lles da a gana sobre as nosas propostas” pero aínda así, recalcou Mini, o BNG comprometese a abrir ese diálogo “cándo, onde e como queiran vostedes”.
Xosé Luís Rivas criticou a ineficacia dos plans elaborados polo PP sobre os que afirmou que nunca chegan “a ningures”, e puxo como exemplo o Plan estratéxico da Limia afectada gravemente polos exceso de puríns e esterco de aves. Dende o ano 2019, explicou, teñen as propostas de todo o sector primario e a día de hoxe, preguntou, que se sabe de todo iso? Sábese algo da ameaza que pende sobre esa parte da provincia de Ourense tan maltratada polo PP? O Partido popular vai tomar cartas no asunto ou vai mirar para outro lado agardando que Europa e o goberno central ofrezan algunha solución aos nosos labregos e gandeiros?
O Partido popular non pode continuar lexislando de costas aos nosos sectores e lembrou que dende o ano 2013, o PP non foi capaz de introducir ningunha das reformas que demandaban todos os sectores do rural na cadea alimentaria, nin sequera o referido ao “pago dos custes de produción”, concluíu.