O BNG reclama a posibilidade de estudar lingua e cultura galegas para a emigración arxentina e uruguaia
A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, insta á Xunta de Galiza que estableza a posibilidade de estudar lingua e cultura galegas para a comunidade galega máis grande no exterior, como é a de Bos Aires e Montevideo. Ao seu xuízo, esta posibilidade permitiría que as novas xeracións de galegos e galegas na diáspora poidan manter a identidade e a cultura propias e, segundo puido comprobar nas xuntanzas que mantivo no centro escolar Instituto Santiago Apóstolo de Bos Aires e co Padroado da Cultura Galega de Montevideo, existe unha grande demanda para poder escolarizar aos nenos e nenas en galego.
“Lamentablemente a Xunta está incumprindo o Estatuto de Autonomía de Galiza, que indica que tamén se estudará lingua e cultura galegas polas colectividades do exterior”, sinala Miranda, quen subliña que faltan investimentos da Xunta, polo que habería que estudar fórmulas e posibilidades de escolarización en galego “para satisfacer o desexo dos pais e nais que queren facilitar o coñecemento do idioma, da cultura galega e o amor ao país de orixe ás novas xeracións”.
A portavoz do BNG en Europa afirma que este sería unha “vía idónea para estreitar os lazos coas maiores colectividades galegas do exterior e manter os vínculos culturais e lingüísticos con Galiza”, tal e como asemade lle transmitiron o presidente da Federación de Sociedades Galegas de Arxentina, Diego Martínez, e a presidenta do Padroado da Cultura Galega de Montevideo, Ana Lorenzo.