congreso

BNG reclama a Pedro Sánchez cumprir os compromisos adquiridos coa Galiza

Néstor Rego

Urxe o Presidente do Goberno a derrogar as Reformas laborais e a lei da Mordaza, subir as pensións mínimas, modernizar o ferrocarril, atender a crise industrial ou baixar xa as peaxes da AP-9

Néstor Rego: “É hora de que o Estado español avance no recoñecemento de dereitos democráticos. Galiza é unha nación e debe poder exercer o dereito de autodeterminación”.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, interviu na comparecencia de Pedro Sánchez para exixir ao Presidente do Goberno español que cumpra os acordos asinados co BNG e os compromisos  coa Galiza. Así mesmo, reclama a descentralización dos fondos europeos e que sexan empregados con criterios de interese público e social.

O deputado nacionalista censurou, máis unha vez, a hipercentralización e a escasa transparencia na xestión dos fondos europeos. “O BNG defende a repartición destes fondos por Comunidades Autónomas para que o noso País, Galiza, non saia prexudicado e primar os criterios de interese público e social” subliña Rego, que alerta da hipótese de que sexan as grandes corporacións económicas as máis beneficiadas.

Aliás, manifestou a preocupación polas posíbeis “contrapartidas” destes fondos. “Antonte coñecíamos os cambios nas políticas de pensións e confirmamos que non só non derrogan as reformas anteriores senón que consolidan algúns dos aspectos máis regresivos. Poden e deben rectificar” apunta Néstor Rego. Alén do máis, o deputado do BNG reclamou tamén a derrogación das reformas laborais e a Lei Mordaza, medidas que a forza nacionalista levou ao Acordo de Investidura.

Cumprir coa Galiza

Así mesmo, o deputado do BNG volta a cualificar de “antisocial e antigalega” a pretensión de implantar portaxes nas autovías, o que prexudica os intereses “das clases populares e a economía do noso País” polo que suporía para un país en que “non existen alternativas de transporte público ou ferroviario de pasaxeiros e mercadorías”.

“Cumpra primeiro co compromiso estabelecido no acordo de investidura para modernizar e ampliar as infraestruturas ferroviarias galegas. Cumpra en atender a crise industrial e reindustrializar a Galiza. Cumpra tamén coa baixada nas portaxes da AP-9 canto antes e rectifiquen coa transferencia da autoestrada ao noso País e co conxunto de transferencias pendentes comprometidas” demanda o deputado do BNG.

En definitiva- subliña Rego- o executivo estatal ten que cumprir “co recollido no Acordo de Investidura, porque son compromisos non co BNG, senón con todos os galegos e galegas. A credibilidade dos partidos que sustentan o seu goberno -polo menos en Galiza- está en xogo aquí, non nos anuncios e a propaganda, senón nos feitos”.

Democratización do Estado

En relación aos indultos aos presos políticos independentistas cataláns, o deputado nacionalista adiantou que non ía criticar o Goberno por eles, mais que os consideraba insuficientes. “O que corresponde é a amnistía para todas as persoas condenadas, procesadas ou exiliadas en relación co proceso para a independencia de Cataluña, porque exercer dereitos democráticos como o do voto nunca pode ser considerado un delito” salienta Rego.

O deputado do BNG reclamou ao Estado español que, “dunha vez por todas, recoñeza o dereito de autodeterminación para as nacións que del formamos parte, como, por certo acaba de facer en Caracas ao Congreso dos Pobos, anexo á XIX Cimeira da ALBA-TCP, en cuxa declaración final se recoñece explicitamente o dereito á autodeterminación de Galiza  Euskal Herria, Cataluña e Canarias”.

Néstor Rego subliñou que é hora de que o Estado español avance democraticamente tamén neste ámbito. “Galiza é unha nación e, por tanto, debe poder exercer o dereito de autodeterminación, porque ademais para nós é unha necesidade  perentoria para acabar coas consecuencias da dependencia política e económica do noso país e poder avanzar en progreso e en benestar” concluíu o deputado.