BNG reclama un paso de peóns seguro na Estación de tren de Teixeiro
Néstor Rego leva ao Congreso iniciativas para lograr que ADIF constrúa un paso elevado após fechar con valados metálicos o paso a nivel existente
O deputado nacionalista, que visitou Teixeiro, considera que o administrador ferroviario debe dar unha alternativa que evite a incomunicación entre os dous lados da vía
O deputado do BNG, Néstor Rego, xunto con Iria Carreira, deputada do Parlamento galego, visitou Teixeiro para apoiar o Grupo Municipal do BNG e a veciñanza na reclamación dun paso seguro que substitúa o paso a nivel que ADIF fechou no mes de xuño. Rego considera que o administrador ferroviario debe dar unha alternativa que evite a incomunicación entre os dous lados da vía. Pola súa parte, o Portavoz Municipal, Lucas Quintas, defende que a mellor solución é que sexa construído un paso elevado.
O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) procedeu a pechar o paso de peóns a nivel na contorna da Estación de tren de Teixeiro, sen ofrecer alternativas aos veciños e veciñas que teñen que atravesar entre un lado e outro da vía, provocando illamento e a división da vila . Trátase, ademais, dunha decisión adoptada sen consultar previamente co Concello e a veciñanza afectada.
Xa no mes de xuño, por iniciativa do Grupo Municipal do BNG do Concello de Curtis, o deputado Néstor Rego levou ao Congreso unha iniciativa preguntando ao Ministerio de Transportes as razóns de fechar o paso existente sen habilitar previamente unha alternativa e reclamando unha solución rápida para a veciñanza afectada. Ante a falta aínda de solucións, o BNG avanza novas iniciativas para forzar o Goberno español a actuar.
Rego, que visitou a Estación de tren de Teixeiro acompañado polo Portavoz Municipal, Lucas Quintas, e as concelleiras Amalia Seoane e Verónica Fuentes, anunciou que o BNG levará ao Congreso unha Proposición Non de Lei “para lle reclamar ao Ministerio de Transportes que constrúa o antes posíbel un paso peonil elevado que garanta a comunicación segura entre os dous lados da vía”.
Pola súa parte, Lucas Quintas asegurou que o paso elevado é a alternativa adecuada pois após o fechamento do paso a nivel, os peóns teñen como única alternativa de tránsito o uso do paso subterráneo de vehículos, unha vía moi insegura pois é estreita, cunha curva pronunciada sen visibilidade e unha beirarrúa estreita. “A solución pasa por habilitar un paso elevado seguro para peóns e persoas usuarias da Estación, mais reclamamos que o que se faga sexa acordado co Concello e os veciños e veciñas, non adoptado unilateralmente”, sinala o Portavoz Municipal do BNG.