BNG reclama unha partida nos orzamentos para humanizar a N-55O entre Padrón e a Ponte

Néstor Rego en Padrón
Néstor Rego en Padrón

Néstor Rego rexistra emendas que suporían un investimento de 6 millóns de euros no concello priorizando  a seguranza viaria na N-550 e a posta en valor de edificios como a Colexiata de Iria Flavia

Beatriz Rei destaca a importancia para Padrón destas actuacións que “contribuirán a mellorar a calidade urbana e, sobre todo, a calidade de vida e benestar do conxunto dos veciños e veciñas”.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a voceira municipal da formación en Padrón, Beatriz Rei, presentan as emendas presentadas os Orzamentos do Estado para a localidade. Un total de cinco emendas, por valor de 6 millóns de euros, co obxectivo prioritario de mellorar a seguranza viaria en Padrón, a humanización do paso da N-550 polo municipio, e a posta en valor de zonas con valor histórico artístico.

 “Algunhas emendas reiteran demandas de vello como é, por exemplo, a actuación para a humanización da N-550, pero tamén se inclúen outras moi importantes para o futuro do concello como a referida a unha variante en Iria Flavia que permita retirar a maioría do tráfico deste entorno e poder realizar unha actuación para a súa protección e a humanización do entorno” explica a voceira do BNG en Padrón. Así mesmo, agradece o labor do deputado nacionalista no Congreso e reivindica o papel do BNG na cámara baixa: “demostra que un só deputado do BNG vale máis que centos doutras forzas políticas”.

En definitiva, o BNG rexistrou emendas que reclaman dar prioridade cinco actuacións necesarias e urxentes “que contribuirán a mellorar a calidade urbana e, sobre todo, a calidade de vida e benestar do conxunto dos veciños e veciñas” e que se cuantifican nun total de 6 millóns de euros de investimento para Padrón.

Entre esas actuacións, Rego destaca a humanización e a mellora da seguranza viaria entre Padrón e A Ponte, unha vía que transcorre en todo o seu traxecto polo centro de Padrón cun elevado número de vehículos que circulan por ela a diario- entre 20.000 e 30.000- con accesos e interseccións moi perigosas que carecen de beiravías transitábeis. “Representa un perigo permanente tanto para os vehículos como para as persoas que teñen que camiñar e mesmo acceder as súas vivendas” explica. Trátase dunha vella demanda do concello, e aínda que xa en 2009 se tiña redactado un proxecto, nunca chegou a executarse.

“Presentamos tamén unha emenda de 1.2 millóns para a construción dunha variante en Iria Flavia que evite que a N-550 atravese este núcleo que posúe un interese enorme do punto de vista histórico-artístico” subliña Rego. Neste punto, atópase a Colexiata de Iria Flavia, un monumento declarado Ben de Interese Cultural, e a Casa dos Cóengos, sede da Fundación Camilo José Cela, así como o Museo do Ferrocarril. “Esta variante permitiría facer un espazo moito máis valorizado e moito máis aproveitábel do punto de vista humano” reivindica o deputado nacionalista.

Así mesmo, Rego considera necesaria a actuación para mellorar a seguranza viaria, tamén na N-550, entre Iria Flavia e Padrón “para mellorar a seguranza no paso a nivel no Camiño Portugués” e reclama tamén unha partida para mellorar as ramplas deste porto da Ponte, competencia de Portos do Estado e que, hoxe, se atopa en estado de total abandono. “Entendemos que este conxunto de emendas, cunha cifra perfectamente asumíbel polo executivo, é imprescindíbel porque atende a necesidades perentorias para o Concello de Padrón” conclúe Rego.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG