BNG reclama no Parlamento tomar as medidas necesarias de seguridade viaria na zona periurbana de Lugo
Montse Valcárcel denunciou a inseguridade viaria nas estradas LU-530, LU-612 e LU-232 no concello de Lugo
O BNG traslada as demanda veciñais do barrio de Castelo para que se reduza a velocidade e se instalen dous pasos de peóns á altura das paradas de bus e poder comunicar as dúas beiras do barrio de Castelo
A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Montse Valcárcel, reaclamou na Comisión 2.ª, Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, a mellora da seguridade das estradas LU-530 (Lugo–A Fonsagrada), LU-612 (Lugo–Portomarín) e LU-232 (Lugo–Friol), que forman parte da rede galega, e que requiren da Xunta de Galicia unha actuación que garanta a seguridade non só dos vehículos, senón tamén dos peóns que día a día a utilizan nos seus desprazamentos habituais.
A estrada da Fonsagrada conta cunha intensidade media diaria de 10.311 vehículos no seu punto de medida máis próximo ao barrio de Castelo. Montse Valcárcel salientou que este barrio, “que está dividido polo percorrido da vía”, está a contar cunha importante mobilización veciñal para reclamar melloras, como unha nova limitación de velocidade “pasando a 50 Km/h en lugar dos 70 Km/h actuais”, xunto coa instalación de pasos de peóns para evitar que as persoas, “especialmente as de avanzada idade ou con problemas de mobilidade teñan que cruzar para chegar ás paradas de bus”.
Ademais as estradas de Portomarín e de Friol, malia que contan cunha mellor limitación da velocidade nos núcleos de poboación, “teñen tamén deficiencias á hora de facilitar o acceso ás paradas de bus urbano” sinalou.
No caso da LU-612, só se encontra un paso de peóns ao comezo do percorrido, na intersección coa Estrada Vella de Santiago, dificultando o acceso da veciñanza de Piúgos e do resto de núcleos de poboación ás paradas de bus. A deputada nacionalista destacou que mentres que a LU-232 non conta con ningún paso de peóns, “malia que esta estrada conta con cruzamentos do Camiño Primitivo”.