BNG reclama no Parlamento a posta en marcha do servizo de pediatría en horario de tarde no centro de saúde de Lalín
As familias dalgunhas das parroquias máis afastadas da capital dezá vense obrigadas a desprazarse 70 km para poder atender as crianzas en Santiago
A portavoz de infancia e familia, Ariadna Fernández, defendeu na Comisión 5ª unha proposición non de lei para reclamar a urxencia dun servizo de pediatría polas tardes no centro de saúde de Lalín, cumprindo así a promesa electoral “anunciada a bombo e platillo” antes das eleccións municipais de 2023”. A falta de persoal especializado fai que 4.000 nenos e nenas menores de 14 anos que teñan que facer uso do servizo polas tardes, se vexan obrigados a desprazarse ata Santiago, o que para moitas familias supón percorrer máis de 70 km, ou conformarse con ser atendidos por outro médico. A proposición foi rexeitada polo PP.
Ademais dun profesional de pediatría polas tardes para Lalín, Fernández reclamou prazas especializadas en crianzas na Agolada, Rodeiro e Dozón, para que non teñan que desprazarse a Lalín, “iso si, só dúas horas á semana pola mañá e cando están os tres pediatras de mañá nese centro médico”. Nese caso, lamentou que as familias afectadas pola falta de atención na zona, teñan que desprazarse a Santiago, “colapsando as urxencias do CHUS por pura inexistencia do servizo na súa zona”. Tamén pediu que se dote ”coa maior premura posible” dunha nova praza de pediatría en Silleda e Vila de Cruces.
No caso concreto de Lalín, o Goberno do PP asegurou que o pediatra estaría exercendo no verán de 2023, o que “ evidentemente non é certo porque estamos chegando ao verán do 2024 e seguimos sen ese servizo”. Fernández preguntou se tería que ver con que “xa pasaron as eleccións”. Tamén relacionou a renuncia do titular que ía desenvolver ese servizo “co agravio que sofren estes profesionais por parte da Xunta, que precariza as súas condicións laborais e cuxos efectos recaen nos doentes”, en concreto, “nos nenos e nenas da comarca.
Durante a súa intervención, a deputada nacionalista criticou que a desatención sanitaria” se fai máis patente, seguindo unha regra de tres inversa por parte das políticas sanitarias do PP nas zonas rurais: “Canto máis rural, menos servizos e menos políticas adaptadas ás nosas necesidades” recriminou.
Advertiu que o problema non é illado, senón unha constante que se repite en todas as variantes, pero que a deputada destacou como vítima primeira desta “destrución planificada da sanidade pública, a atención primaria, á que se lle destina só un 11% do gasto total”. Ademais, non quixo esquecer “o peche de camas, os colapsos en urxencias, a non reposición de especialistas co abandono das zonas rurais, ou a situación precaria do persoal con contratos por días ou por semanas”.
As protestas por falta de pediatras esténdense por todo o noso territorio, Verín, a Costa da Morte, O Salnés, Vilalba, O baño, e agora tamén Lalín. Fernández acusou ao PP de “non respectan os nenos e nenas, nin os pais, nin os profesionais. É a súa maneira de maltratar a Sanidade pública”, concluíu.