O BNG reclama no Parlamento medidas para manter os postos de traballo da conserveira Thenaisie Provoté, no Grove
Segundo explicou, esta empresa conta con 125 empregos directos entre a planta produtiva, situada no Grove, e a loxística no concello de Mos, aos que hai que sumar os postos temporais par realizar campañas puntuais. Ten unha facturacións de máis de 30 millóns de euros anuais, con catro marcas propias ademais das brancas. Distribúe peixe e marisco en conserva a máis de 40 países de Europa, América, África e Asia. “Esta conserveira, actualmente propiedade da empresa romanesa Scandia Food, está nunha situación moi delicada, ao terse declarado en concurso voluntarios de acredores, alegando insolvencia, no mes de maio”, sinalou. Transcorridos meses non se ten presentado unha solución á situación.
A pesar de existir propostas de investidores de capital galego para adquirir a empresa garantindo a súa viabilidade e o mantemento dos postos de traballo, non ten frutificado ningún acordo. “Desde a Xunta manifestaron que teñen contactos con posíbeis inversores, mais ningunha concreción, e preocúpanos que de novo sexan xogos de artificio e non se pase diso”, destacou.
A actuación responsábel do cadro de persoal e do comité de empresa, implicado desde o primeiro momento en buscar alternativas, teñen que ter correlación na Xunta de Galiza, “que ten que ser parte activa na busca de solución, ten que implicarse decididamente en garantir a continuidade da actividade e o mantemento da totalidade do emprego”, sinalou.
“O Goberno galego ten competencias en política industrial, en emprego, en política pesqueira e o que lle pedimos é que as exerza e presente unha solución”, afirmou a deputada.