BNG reclama no Parlamento a intervención da Xunta para rematar cos cheiros na antiga mina de TEN en Touro
BNG reclamou á Xunta no Parlamento galego que interveña para rematar cos continuados “cheiros pestilentes” nos terreos da antiga explotación mineira de Touro pola empresa Tratamentos Ecolóxicos do Noroeste (TEN), por unha banda, exixindo á empresa a implementanción urxente das medidas precisas para rematar cos malos olores e, por outra, modificando as condicións necesarias da Avaliación Ambiental Integrada (AAI) coa que conta a empresa, “inclusive a suspensión daquelas actividades xeradoras de cheiros, mentres non se poida garantir que estas non van producir contaminación odorífera”.
A iniciativa nacionalista, defendida polo portavoz de Agricultura, Mini Rivas, pide tamén ao Executivo galego que efectúe os labores de inspección necesarios que leven ao cumprimento das condicións establecidas actualmente na AAI e o control dos depósitos tecnosolos que se están a realizar polas entulleiras para verificar que estes cumpren coas condicións recollidas na Instrución Técnica de Residuos da Xunta referida á elaboración de tecnosolos, así como a exixencia á empresa dun estudo olfatométrico de campo.
Neste sentido, o deputado nacionalista lembrou que a AAI outorgada pola Consellería de Medio Ambiente establece unha serie de condicionantes referidos aos cheiros que obrigan á empresa a establecer un plan de vixilancia e control e tomar as medidas precisas para diminuír a xeración de olores. Así mesmo, propón unha serie de melloras técnicas para evitar os cheiros nos núcleos de poboación e contempla tamén a revisión das condicións da propia AAI, unha vez pasados catro anos dende as conclusións sobre as melloras técnicas dispoñibles. “Vemos que nin se están a cumprir as condicións que se impuxeron na autorización, nin a Administración están a velar por que se cumpran”, afirmou.
Logo de lembrar que o BNG leva anos denunciando un problema que non só é ambiental senón de calidade de vida e de risco para a saúde para os veciños e veciñas, Rivas considerou necesario “pasar do recoñecemento ás accións” nun problema que se sofre “xerado hai anos por deixar a mina como quedou” e cuestionou que os fondos destinados no seu día para a restauración dos terreos “non se sabe en que peto acabaron, pero alí non houbo restauración de ningún tipo”. “E agora veñen co invento dos tecnosolos que no que verdadeiramente consisten é en poder espallar residuos de maneira legal”, recriminou con severidade.
O portavoz nacionalista de Agricultura afeou ao grupo parlamentar do PP que se escudase en distintos informes e inspeccións para rexeitar a iniciativa nacionalista “cando o problema continúa a ser o mesmo e isto comezou en 2003, case 20 anos” e advertiu de que as sancións “sáenlle rendibles” á empresa.
“O certo é que se fai sen facer nada”, concluíu, para a continuación reprobar as continuas promesas do Goberno de Feixóo cando “a inactividade da Consellería de Medio Ambiente é palpable, non só neste caso, senón en todos aqueles nos que o negocio manda e a xestión dos residuos é un ‘negoción’ que xera millóns e millóns de euros, gastando o mínimo”.