BNG reclama no Parlamento a integración do profesorado técnicos de FP no corpo docente de ensino secundario
O BNG vén de defender no Parlamento galego unha proposición non de lei para instar á Xunta a exixir ao Goberno central as medidas necesarias para garantir que todo o profesorado que na actualidade forma parte do corpo de profesores técnicos de Formación Profesional (FP) poida integrarse no corpo de profesores de ensino secundario.
De igual xeito, na iniciativa nacionalista tamén se demanda do Estado a implantación das medidas lexislativas precisas para garantir o acceso á función pública docente do futuro profesorado de ensino secundario que impartan ensinanzas técnicas de FP cos mesmos requisitos de titulación que habilitan o acceso na actualidade para os PTFP (profesores técnicos de Formación Profesional).
O Bloque tamén reclama á Xunta que, independentemente das xestións co Goberno central e mentres a nivel estatal non se solucione esta situación, asuma os complementos salariais oportunos para que todo o profesorado afectado teña as mesmas condicións salariais e laborais.
O portavoz nacionalista de Educación, Manuel Lourenzo, reclamou así ao Executivo galego que non eluda as súas responsabilidades ante a problemática que ocasiona a LOMLOE, na que se recolle a creación dun corpo único de profesorado, incluíndo as PTFS, pero exixíndolles unha titulación de grao ou equivalente, titulación que ata o de agora non era obrigatoria, polo que se presenta un horizonte no que profesorado coas mesmas funcións vaia ter situacións laborais distintas ou que o colectivo de interinos e interinas que non teña esta titulación poida ter vetado o acceso a unhas oposicións.
“A Xunta non pode criticar ao Estado e, ao tempo, facer abandono das súas funcións ao pretender manter ás profesoras e profesores técnicos de FP nesta situación de agravio salarial”, reprochou, logo de salientar que “non se entende que o Goberno do PP diga que pretende crear un corpo único de profesorado e ao mesmo tempo se negue a asumir as súas responsabilidades e aplicar os complementos salariais precisos que eviten o desagravio deste colectivo”. Pese ás argumentacións do deputado nacionalista, a iniciativa non prosperou polo veto do PP.