O BNG reclama no Parlamento o impulso da liña ferroviaria Vigo-Porto e igualar o compromiso portugués coa conexión
O BNG vén de rexistrar unha batería de iniciativas no Parlamento galego para reclamar á Xunta que demande ao Goberno central o impulso da mondernización e mellora da conexión ferroviaria entre Vigo e Porto para que se faga realidade no menor prazo de tempo posíbel a redución dos tempos de viaxe desde as 2 horas e 23 minutos actuais a unha duración de menos de 1 hora, tal e como contempla o executivo portugués no seu plan de infraestruturas ferroviarias.
Nas distintas iniciativas, presentadas polo portavoz de Infraestruturas, Luís Bará, e a deputada por Vigo, Alexandra Fernández, o Bloque tamén pide a axilización do proxecto da saída sur de Vigo e dunha alternativa que evite o paso do tren polo medio da vila do Porriño, ofrecendo desde o Goberno galego a máxima colaboración institucional e técnica para o seu óptimo desenvolvemento.
O BNG demanda así o compromiso da Xunta co proxecto estratéxico de vertebrar as comunicacións con Portugal e potenciar o Eixo Atlántico entre Ferrol-A Coruña e Lisboa, logo de que o Goberno portugués presentara onte o seu Programa Nacional de Investimentos 2030 no que inclúe unha firme aposta pola conexión ferroviaria con Galiza. Deste xeito, o plan luso destina un investimento de 4.500 millóns á liña Lisboa-Porto e de 900 millóns á de Porto-Vigo, neste último caso para unha primeira fase entre Braga e Valença coa que recortará a duración da viaxe en 45 minutos.
O executivo portugués estima que unha vez desenvolvido o seu plan -que ten como horizonte temporal o ano 2030-, a duración da viaxe entre Vigo e Porto será de 55 minutos e a de Vigo-Lisboa quedaría reducido a 2 horas e media, polo que o BNG considera que este é o momento de que o Goberno central faga unha aposta estratéxica decidida, cunha dotación orzamentaria á altura da anunciada no país veciño, e a Xunta manteña unha actitude firme e valente a prol da conexión ferroviaria con Portugal.
Unha conexión historicamente reivindicada que, segundo lembran Fernández e Bará, “leva 20 anos de anuncios e proxectos sen que haxa ningunha concreción real máis alá da electrificación do treito entre Gillarei e a fronteira portuguesa”. Neste sentido, conclúen, “é necesario impulsar o proxecto da saída sur de Vigo e estudar alternativas ao trazado da vía férrea que actualmente atravesa a vila do Porriño”.