O BNG reclama ante a ONU a devolución do Pazo de Meirás e a ilegalización da Fundación Franco
Ana Pontón: “Esta denuncia quere acabar coa impunidade do franquismo e é o mínimo que lles debemos ás vítimas”
A portavoz nacional, Ana Pontón, e a portavoz en Bruxelas, Ana Miranda, presentaron na sede da ONU en Xenebra a denuncia do BNG na que se reclama a devolución do Pazo de Meirás ao pobo galego, a ilegalización da Fundación Franco por exaltación do franquismo, que se actúe ante o Estado español para declarar ilegal facer apoloxía do franquismo e para que se facilite a investigación e reparación dos crimes da ditadura.
“Esta denuncia ten un triplo obxectivo: reclamar a devolución do Pazo de Meirás ao pobo galego, que foi quen o pagou, así como outros bens espoliados como as estatuas do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago, en segundo lugar deixar sen efecto os artigos da Lei de Amnistía de 1977 que impiden investigar e xulgar os crimes franquistas e, por último, pensamos que en 2017 non se pode permitir que siga facéndose impunemente apoloxía do franquismo sen que pase nada e, polo tanto, se ilegalice a unha asociación que é unha ofensa para toda as vítimas”, indicou Pontón, ante a sede do Alto Comisionado de Dereitos Humanos da ONU.
“É o mínimo que podemos facer a estas alturas, porque é un débeda ética, política e moral que temos con todas as vítimas do Franquismo”, salientou Pontón, tras presentar unha denuncia para acabar cunha situación impensable nunha democracia, denuncia que coincide coas detencións de membros do Goberno de Cataluña por apoiar a celebración do referendo.
O texto da denuncia do BNG bota man das conclusións extraídas por Pablo Greiff, Relator Especial da ONU para a promoción da verdade, a xustiza, a reparación e garantías de non repetición, quen visitou España entre xaneiro e febreiro de 2014.
Conclúe Greiff que se debe “atender de forma urxente as demandas das vítimas en termos de verdade, establecer algún mecanismo para oficializala e resolver a excesiva fragmentación que caracteriza a construción da memoria en España.” Estas recomendacións recollidas no seu informe de 2014 seguen incumpríndose a día de hoxe.
Os incumprimentos do mandato do relator da ONU evidéncianse no feito de que os bens espoliados durante o Franquismo en Galiza segan en mans da familia do ditador, como é o caso do Pazo de Meirás, cuxas visitas están xestionadas pola Fundación Franco, que ven nesta xestión “unha excelente oportunidade para amosar ao gran público a grandeza da figura de Franco”.
“A inacción das diferentes administracións normalizan unha situación que vulnera os dereitos humanos”, expón o BNG na denuncia.
Pontón e Miranda tamén mantiveron un encontro co alcalde de Xenebra, Rémy Pagani, na propia sede municipal da cidade suíza, a quen expuxeron os termos da denuncia e outras cuestións relacionadas coa colectividade galega no país suízo.