BNG reclama un novo mapa educativo en Culleredo coa ampliación dos estudos da ESO no rural e o PP rexeita a proposta
Mercedes Queixas salientou que o novo centro educativo no concello, descargaría a masificación dos centros de secundaria na zona urbana e respectaría os dereitos de equidade e igualdade no acceso á educación
Acusa ao PP de “hipócrita” por defender a revitalización do medio rural e ao mesmo tempo negarlle centros educativos para fixar poboación
A deputada do BNG, Mercedes Queixas reclamou ao goberno “un novo mapa educativo en Culleredo coa ampliación dos estudos da ESO no rural” para dar resposta as demandas ante o incremento de poboación do concello. Por outra banda, asegurou que o futuro centro educativo descargaría de “ maneira notable” a masificación dos centros educativos de secundaria actuais na zona urbana, IES Blanco Amor e IES Rego da Trabe.
A parlamentaria nacionalista lamentou que os votos en contra do Partido popular impediran que prospera a iniciativa do BNG que reclamaba ampliar unha oferta educativa para un concello con 30.758 habitantes e con previsións de crecemento. Un concello, dixo, de 61,3 km cunha oferta educativa para ESO concentrada nun radio de 0,3 km. “Unha distribución excéntrica que se converte nunha anomalía e un desequilibrio para o acceso ao sistema educativo”.
Mercedes Queixas explicou que mentres os rapaces do urbano rematan de xantar, “os nosos están chegando a casa”. Os nenos e nenas do rural deben viaxar 1 hora dende a súa casa ao instituto, e outra hora para volver. O alumnado próximo ao instituto érguese ás 7:30hs para asistir as aulas ás 8.30 fronte o alumnado do rural que debe atravesar o concello en bus polo afastamento dos IES.
A xuízo da deputada, estas circunstancias constitúen “un agravio comparativo” acrecentado nos últimos anos polo aumento demográfico e insistiu que a demanda dunha maior oferta educativa da ESO garante “a equidade, igualdade de dereitos e oportunidades e contribúe a superar calquera discriminación e a accesibilidade universal á educación”. Para a nacionalista, o voto en contra do Partido popular “incumpre o mandato da lexislación educativa” destinada a garantir estes dereitos e amosa “unha postura hipócrita e contraditoria” cando defende publicamente a fixación de poboación no medio rural e ao tempo, nega un centro educativo como reclaman as AMPAS e avalan máis de mil sinaturas.
Ademais, aludiu á aprobación unánime dun acordo en pleno no Concello de Culleredo en decembro de 2019 asumindo “por unanimidade” a proposta das familias para ampliar a oferta educativa da ESO no rural do concello e mostrou a súa disposición a poñer á disposición da Xunta “os terreos necesarios para facelo posíbel”. Ao que tamén sumou que a propia inspectora de Educación, responsable da zona, recoñecera a necesidade de actualizar o mapa escolar de Culleredo e inicialo antes do 1 de marzo, data da entrada en vigor da nova planificación xeral de Culleredo.
Por todas estas razóns, dixo, entendemos que cómpre activar unha mesa de traballo entre as diferentes administracións responsábeis e a veciñanza, baixo a coordinación da Xunta de Galiza, para “trazar un novo mapa educativo en Culleredo”, que contemple a ampliación dos estudos de ESO no rural, desde criterios de igualdade e equidade no acceso á educación obrigatoria, con planificación ad futurum e conforme o medre poboacional”.
A parlamentaria do BNG lamentou que o Partido popular rexeitara a proposta e acusou á Xunta de seguir defendendo “unha planificación educativa obsoleta” e desoíndo as demandas da veciñanza e o acordo unánime do concello.
Queixas preguntou cal é o compromiso do goberno coa educación e se vai continuar na liña de bloquear a oferta educativa pública para favorecer a oferta privada. Agora que tanto se fala de Nex Geracion: como queremos educar a xeración galega? preguntou.
Se a Xunta bloquea a ampliación da oferta educativa en Culleredo, tamén bloquea o medre das parroquias rurais do concello de Culleredo. Ruralízate? Como? Sen servizos? Concluíu.