O BNG reclama no Congreso ao Ministerio que admita as solicitudes de bolsas predoutorais en galego

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, e a deputada do BNG, Rosana Pérez, presentaron unha iniciativa parlamentar na Cámara na que piden ao Ministerio de Economía que rectifique a súa negativa a admitir solicitudes de bolsas pre doutorais que aportan a documentación en galego ou que se realizan nesta lingua cooficial.

Davila alude á polémica suscitada polo Ministerio de Economía ao denegar 138 solicitudes de axudas pre doutorais debido a que achegaban a documentación, como certificados de cualificacións, en galego, catalán ou vasco. Os feitos trascenderon a raix dunha investigadora que denunciou que a Subdirección Xeral de Recursos Humanos para a Investigación lle denegara unha bolsa deste tipo porque a solicitude se presentou en galego.

“Non foi o único caso xa que sabemos que polo menos 138 solicitudes foron rexeitadas baixo o mesmo argumento”, sinala a deputada do BNG.

“Ademais dunha flagrante discriminación que conculca os dereitos lingüísticos vixentes no estado, o Ministerio chega ao extremo de denegar bolsas pre doutorais porque a documentación que se achega está en galego, catalán ou euskera cando debería saber que os certificados de cualificacións se expiden nestas linguas cooficiais”.

Para a deputada do BNG no fondo da cuestión non só hai motivos ideolóxicos senón tamén se trata dun “novo filtro para excluir investigadores das axudas”. E engade que a cuestión non está “en traducirlle ao Ministerio a documentación que aportan os solicitantes, a cuestión está en respectar a lexislación lingüística vixente no estado español e non inventarse normas ad hoc”.

De aí que formule unha serie de preguntas ao Ministerio: “Vai o Ministerio a rectificar este modo de proceder, discriminatorio para os investigadores de territorios con lingua propia? Que disposición ten a dar marcha atrás na súa negativa? Vai abrir un novo proceso para que os afectados e afectadas poidan optar ás bolsas?Vai correxir as bases da propia convocatoria?”.