BNG reclama modificar a normativa que discrimina o alumnado galego do ISM
Néstor Rego denunciou no Congreso as dificultades que encontran os traballadores e traballadoras do mar para xustificar os desprazamentos á hora de realizar algunha formación no Instituto Social da Mariña.
O BNG solicitou que se modifique esta normativa porque non se adapta nin ten en conta a realidade galega, en canto á mobilidade en transporte público.
En resposta a unha pregunta do BNG, o deputado Néstor Rego denuncia a negativa por parte do Goberno español a modificar a normativa que regula os gastos de desprazamento dos alumnos e alumnas que realicen algún curso formativo no Instituto Social da Mariña (ISM).
A normativa estabelece que se efectuará o reembolso polo desprazamento a todos aqueles alumnos e alumnas que xustifiquen a viaxe en transporte público, algo impensábel para os traballadores e traballadoras do mar galegas que non contan con boas conexións de transporte público para chegar ao Centro de Formación Marítima que se acha situado en Bamio, Vilagarcía de Arousa. “Esta normativa nin se adapta nin ten en conta a realidade da Galiza, pois exixe que o desprazamento se realice en transporte público para poder ser reembolsado ese gasto, cando isto é imposíbel coas liñas e frecuencias dispoñíbeis actualmente” destacou Néstor Rego.
O BNG solicitou ao Goberno español permitir que, naqueles casos en que non exista posibilidade de comunicación en transporte público ou ben esta sexa demasiado gravosa para o alumnado pola distancia e tempo que supoñen, se sufraguen os gastos de desprazamento en vehículos particulares.
Ante a falta de boas conexións en transporte público, a formación nacionalista insistiu en que se utilice tamén a medida de distancia percorrida, sexa esta en transporte público ou vehículo privado, para facilitar a compensación económica correspondente ao desprazamento e que agora se fixa a partir de 30 km de distancia ao centro de formación; e dietas por aloxamento a partir de 50 km. O deputado do BNG sinalou que “a partir dun radio determinado do centro, non existindo transporte público ou sendo este demasiado gravoso en función do tempo que supón, debe permitirse aboar os gastos de quilometraxe por desprazamentos realizados en vehículos privados”.