BNG reclama a mobilización de vivenda baleira para ofertar en réxime de aluguer e facilitar a emancipación da mocidade
O deputado do BNG Iago Suárez reclamou este mércores ao Goberno do PP a mobilización de vivenda baleira para ofertar á mocidade en réxime de aluguer e facilitar así a súa emancipación. As políticas do Goberno do PP limítanse a ofrecer axudas claramente insuficientes dirixidas fundamentalmente á compra de vivenda, “cando a realidade é que maioría das persoas con menos de trinta anos non teñen capacidade económica para afrontar unha hipoteca”, denunciou.
O portavoz de Mocidade do BNG fixo estas consideracións na Comisión 5ª do Parlamento, onde preguntou ao secretario xeral de Vivenda polas políticas da Xunta para garantir á xente nova o dereito a ter unha vivenda digna, un dereito que agora se está a negar “de maneira constante e ata deliberada” pola situación de precariedade laboral e a falta de oportunidades para acceder a un traballo estable e ben remunerado.
A ausencia de estabilidade laboral e á falta de oportunidades como causas da baixa taxa de emancipación xuvenil súmase, explicou o deputado nacionalista, a situación “dramática” do mercado inmobiliario nas principais cidades, onde a proliferación de pisos turísticos reduce a oferta e encarece os alugueiros.
Segundo os datos do IGE, máis de dos terzos das persoas mozas na franxa de idade de 18 e 34 anos vive na residencia familiar, advertiu, e a taxa de emancipación entre os 24 e os 29 anos sitúase aproximadamente nun 15 %. No que ten que ver co mercado laboral -unha das razóns que explican que os mozos non deixen o domicilio familiar-, subliñou que aínda que a mocidade de 16 a 34 anos representa o 16,8 % da poboación, supón o 36,2 % das persoas desempregadas, tal e como se recolle nos informes do Consello Económico e Social.
“Curiosamente a destrución masiva de emprego entre a mocidade produciuse a partir do 2009, ano no que o PP volveu ao Goberno da Xunta”, asegurou, engadindo que o 70 % da mocidade que traballa faino no sector servizos, “o que implica un problema un problema estrutural no emprego”.
“Estamos construíndo un país de camareiros e camareiros onde non hai emprego industrial, onde non hai emprego de calidade, onde non se pagan salarios dignos”, advertiu Iago Suárez, que contrapuxo esta realidade á “Galiza en color de rosa” como a que, criticou, presentou no Parlamento o novo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. “De verdade vivimos no mesmo País? Na Galiza na que eu vivo, a mocidade segue a ter que emigrar, a pirámide de poboación é cada vez máis invertida, hai menos oportunidades para os mozos e as mozas”, advertiu.