BNG reclama melloras no transporte marítimo de viaxeiros na ría de Vigo restituíndo o seu carácter público
Paulo Ríos cualifica o servizo de “chave” no desenvolvemento económico da comarca do Morrazo e conexión esencial coa cidade de Vigo
Denuncia o “desleixo” da Xunta e a degradación do servizo para beneficiar ás empresas operadoras
As persoas usuarias de Cangas e Moaña, afirmou o nacionalista, levan anos padecendo o empeoramento do servizo, chegando mesmo a desaparecer en Moaña. A redución de horarios e frecuencias foi unha constante e mentres tanto, a Xunta de Galiza négase a intervir, para “regular” un servizo que debe ser “público”.
A Xunta, non pode poñerse de perfil, reiterou Paulo Ríos. A Xunta “ten competencias exclusivas en transporte marítimo entre os portos do noso país”, como recolle a lei do ano 99 e que recoñecía a titularidade pública do servizo e a súa regulación. Lei que posteriormente foi anulada polo Tribunal de Xustiza da UE no ano 2006 e que obrigaba a liberalización do mercado do transporte de viaxeiros.
No ano 2009 esta situación podía ser modificada aproveitando que a propia Unión Europea permitía que a Xunta de Galiza asumirá a xestión pública . Esta circunstancia propiciou a presentación d diversas iniciativas do BNG no Parlamento galego que contaron co apoio do PSOE e o voto en contra do Partido popular. Daquela, o PP comprometeuse a unha alternativa pero o único que fixo durante estes anos foi “unha campaña de Nuevas Generaciones animando ao uso do transporte de ría”.
BNG pide que a xestión do servizo sexa pública
Dende o BNG demandamos restituír o carácter público do servizo para regular este transporte así como o de lecer en conexión cos Illas do Parque Atlántico.
A comarca do Morrazo non pode ver como un servizo tan esencial está en mans unicamente dos intereses das empresas, sen que a Xunta de Galiza interveña na súa regulación e control. reiterou Paulo Ríos, (Kai)
Recentemente, o servizo no Concello de Cangas foi recortado un 60% entre semana e un 90% na fin de semana, tras alegar a empresa “dificultades por mor da pandemia”. Ante esta situación, que accións emprendeu a Xunta? preguntou o deputado.
Ríos anunciou que o BNG seguirá levando ao Parlamento galego iniciativas para potenciar o transporte de ría e demandar que sexa público e a Xunta, remarcou, “non pode ampararse en que non ten competencias nin capacidade para intervir”. Non podemos permitir que o transporte de pasaxeiros na ría de Vigo esmoreza polo “desleixo da Xunta”, concluíu.