Parlamento Galego

BNG reclama a mellora e ampliación do servizo básico de saneamento nos concellos polos que discorre o río Tea

Cristina Fernández

Cristina F. Davila urxe á Xunta do PP a priorizar as obras en instalacións e redes que realicen vertidos directos en zonas incluídas na Rede Natura

A deputada Cristina Fernández Davila defendeu no Parlamento a necesidade de mellora e ampliación do servizo básico de saneamento nos concellos polos que discorre o río Tea e urxiu ao PP a priorizar as obras en instalacións que realicen os seus vertidos directamente en zonas de Rede Natura, na que está integrado o río Tea, declarado na súa meirande parte como Zona de Especial Conservación (ZEC).

Fernández Davila argumentou que estes municipios “non son nin máis nin menos ca outros concellos”, referíndose ao que está a facer a Consellería de Vivenda co de Ares, ou ao acordo do Consello de Goberno da Xunta de Galiza deste mesmo luns para dotar os concellos das rías de Muros-Noia de 8,5 millóns de euros para o seu saneamento”, argumentou.

Trátase, segundo a deputada da zona, de propoñer “unha solución para recuperar ambientalmente unha zona de inmenso valor ambiental na comarca do Condado-Paradanta, mentres dotamos a veciñanza dun servizo básico como é a rede de saneamento”, explicou.

Os concellos bañados polas augas do Tea -O Covelo, Mondariz, Mondariz Balneario, Ponteareas e Salvaterra de Miño- teñen numerosas parroquias sen conectar á rede de colectores, polo que, segundo Davila,  “é preciso impulsar ese servizo para evitar que se contaminen os terreos, as marxes e o propio río”, ademais doutros ríos da contorna, regatos, fontes, pozos ou augas subterráneas. Un bo sistema de saneamento é “sinónimo de saúde, limpeza e aforro, ao non ter que estar pendentes do baleirado das fosas”, afirmou.

Durante a súa exposición, a deputada nacionalista advertiu que o río Tea está “agredido” por vertidos de augas residuais por mor de avarías na Estación Depuradora de Augas Residuais (Edar). Outra das agresións ao río é a que se produce polas filtracións nas fosas sépticas das vivendas. “Unha situación que está a prexudicar gravemente a calidade das augas do río e o espazo natural da contorna”, subliñou.

Fernández Davila tamén puxo o foco nas chamadas “minidepuradoras” instaladas na súa marxe, unhas depuradoras que a Xunta colocou hai dúas décadas nas zonas rurais en casos onde non se podía enganchar a rede de sumidoiros a unha Edar, e que, en opinión da deputada, “estaban máis pensadas para depurar augas residuais de embarcacións que para unha poboación de 200 ou 300 persoas”. 

“Contar con este tipo de depuración ocasionou gastos extraordinarios aos concellos que superan os 20.000 euros ao ano, entre mantemento, reparacións e consumo eléctrico, ao que se lle suma un rendemento ineficiente, malos cheiros e o baleirado das augas sen tratar ao río en caso de avaría”, advertiu.

É por iso que, na iniciativa, o BNG propoñía a realización dun estudo sobre a situación do servizo de saneamento nestes concellos e unha valoración das necesidades e o custo das mesmas; asinar convenios cos concellos para cofinanciar os proxectos básicos e de execución e as obras precisas; impulsar as obras máis urxentes nos espazos que realicen vertidos directos ao río Tea, e planificar o resto das obras de saneamento necesarias para  dotar ao 100% da veciñanza dos concellos deste servizo básico.

Na súa réplica, Cristina F. Davila replicoulle ao PP que, malia a que os populares defendan que as competencias do saneamento as teñen os concellos, a realidade é que para poder asumir estas infraestruturas básicas e que son obrigatorias pola normativa europea, estatal e galega, vense obrigados a “mendigar” á Xunta un cofinanciamento que non solicitarían “se tivesemos capacidade para iso”, recalcou.

Tamén hai que lembrar, continuou, que se os concellos non tivesen que asumir competencias impropias como as residencias de maiores, as escolas infantís, o Servizo de Axuda ao Fogar ou o Centro de Información á Muller, “poderiamos asumir unha fase de saneamento por ano”, rematou.

O PP votou en contra.