O BNG reclama a máxima axilidade nas obras do viaduto do Castro dado os prexuízos que sofren os sectores produtivos
Olalla Rodil esixe o esclarecemento das causas do derrube da ponte da A6 ante a sospeita dun pacto de silencio sobre as mesmas entre PP e PSOE
O BNG reclama ao Goberno central “a máxima axilidade e a máxima rapidez” no desenvolvemento das obras que se están acometendo na ponte do Castro, na autovía A6, logo de que esta se derrubara o pasado mes de xuño por causas que, aínda hoxe, seguen sen esclarecerse.
A viceportavoz parlamentaria do Bloque, Olalla Rodil, lembra que “levamos case tres meses sen poder utilizar unha infraestrutura que é estratéxica para o conxunto de Galiza, pero moi especialmente para a poboación de Lugo e moi especialmente tamén para os sectores económicos e produtivos do noso País” que, segundo advirte, “están sufrindo un enorme prexuízo económico polo retraso nas obras desta infraestrutura que conecta Galiza coa Meseta”.
Así mesmo, Rodil recorda que “aínda están por resolver, por esclarecerse, cales son as razóns, as causas, pola que se veu abaixo unha ponte que hai que lembrar ten apenas 20 anos”. “Desde o BNG seguimos esixindo que se acometan os estudos, as análises e as investigacións que procedan para esclarecer cales foron os motivos polos que se puido producir ese derrubamento”, afonda a deputada nacionalista para engadir a continuación que é preciso tamén auditar as demais infraestruturas “que se atopen nunha situación semellante ou que se poidan atopar nunha situación semellante á da ponte do Castro da A6”.
Neste sentido, a viceportavoz do Bloque insiste -“non cansaremos de repetilo”, incide- en amosar as sospeitas que rodean a falta de información sobre o acontecido no viaduto. “Moito nos tememos que hai un pacto de silencio entre o PP e o PSOE para tapar cales son as razóns polas que unha infraestrutura tan nova -porque 20 anos para unha autovía non debería ser nada- e non deitar luz sobre a responsabilidade que puidesen ter as empresas construtoras nese derrubamento”, alerta.
“Por iso, o que pedimos é a máxima transparencia e tamén a máxima información para coñecer cales foron as razóns polas que se produciu ese derrube e, sobre todo, para impedir que poida volver a acontecer e esixirlle as responsabilidades que correspondan ás empresas, se así fose necesario”, conclúe.