Parlamento Galego

O BNG reclama un marco galego de relacións laborais para mellorar as condicións da clase traballadora

Montse Prado
  • A deputada do BNG, Montse Prado lembrou que o vindeiro venres, día 10 de febreiro, celebrase o Día da Clase Obreira, loita que costou a vida a Amador Rei e Daniel Niebla no ano 1972 e que sigue vixente nun momento de grande precariedade laboral

A través dunha Proposición non de lei, defendida a ultima hora do día de onte,  a deputada do BNG, Montse Prado reclamou “un marco galego de relacións laborais” ante o que considerou “unha situación de emerxencia para a clase traballadora” derivada das reformas laborais e falta de protagonismo na negociación colectiva.

Na súa intervención, Prado tamén lembrou que o vindeiro venres celebrase o Día da Clase Traballadora e as reivindicacións laborais  que custaron a vida a Amador Rei e Daniel Niebla no ano 1972, loita, dixo, que “aínda segue vixente por existir unha grande  precariedade laboral”.

A parlamentaria nacionalista  insistiu na necesidade  de configurar un marco galego que permita deseñar un escenario oposto ao que existe na actualidade e apostou por convenios provinciais e autonómicos con  “prevalencia”, non só sobre o convenio da empresa , senón tamén sobre os estatais.  

“Non aceptamos que ninguén decida por nós”, recalcou a deputada quen  anunciou que o BNG seguirá presentando iniciativas para reforzar os convenios colectivos e mellorar as condicións dos traballadores e traballadoras.

Montse Prado lamentou o voto en contra do PP que impediu que a iniciativa nacionalista prosperara e reiterou que o BNG seguirá reclamando fortalecer a negociación colectiva e o protagonismo dos traballadores e traballadoras para potenciar os diferentes ámbitos da negociación que debe desenvolverse nun “marco galego” que defina as condicións de traballo adaptándoas á realidade social e económica de Galiza.