O BNG reclama manter en Lugo as titulacións que constitúen o “corazón” do Campus Terra
“O Campus ten que manter a conexión coa realidade social e económica de Lugo porque é un motor de desenvolvemento social e económico” dixo Olalla Rodil
O BNG preguntou no Parlamento pola reforma do mapa de titulacións que prevé implementar a Xunta de Galiza no Sistema Universitario Galego (SUG) a raíz da proposta de suprimir catro graos do Campus Terra que “afectarían directamente ao corazón do Campus”, dixo a deputada Olalla Rodil.
O BNG formulou estas preguntas na Comisión de Educación, que tivo lugar o 21 de febreiro, despois de se ter reunido con profesorado da Escola Politécnica e, explicou a nacionalista, “queremos trasladar ao Parlamento a precupación da comunidade universitaria de Lugo polo futuro do campus”. “É lóxico que se preocupen e se xere certa alarma cando se di que poden ser suprimidas titulacións fundamentais para Lugo”.
Na súa intervención a nacionalista subliñou a importancia do sector agro-silvo-forestal tanto no Campus como na realidade social e económica de Lugo polo que exixiu “transparencia, consenso e negociación” coa comunidade universitaria e o mantemento da especialidade do Campus “que leva o nome de Terra precisamente por esa conexión cos principais sectores socio-económicos de Lugo”.
Rodil criticou que a Xunta de Galiza obrigase a Universidade a desenvolver importantes mudanzas e plans de viabilidade nos últimos anos para paliar a perda de alumnado matriculado e adaptar o mapa de titulacións e que, sen agardar a ver os efectos dos mesmos, suprimise titulacións como o Grao de Xeomática e Topografía.
“A Universidade e a Escola Politécnica de Lugo cumpriron sempre con todas as esixencias o que non pode a Xunta é dar banzados e cambiar a medio camiño”, sinalou a deputada nacionalista.
Desde o BNG esixiron á Secretaría Xeral de Universidades “transparencia, consenso e negociación” coa comunidade universitaria fronte a calquera cambio e ter en conta a realidade específica dos denominados campus periféricos, como o de Lugo. Neste senso, lembrou que o Campus Terra vese afectado por un desequilibrio territorial e a falta de comunicacións o que provoca unha maior incidencia na redución do alumnado universitario. Malia todo, dixo, “o campus está a chamado a ser un elemento chave no desenvolvemento social e económico de Lugo e proba diso é que, con todas as dificultades, move millóns de euros cada ano en materia de investigación, desenvolvemento e innovación”.
Desde a Secretaría Xeral de Universidades sinalaron que as informacións trascendidas publicamente eran “conversas” que estaban a manter coas Universidades.