Congreso

BNG reclama manter aberto o ISM de Corcubión

Néstor Rego

Néstor Rego instou o Goberno a que realice as xestións necesarias que faciliten, potencien e garantan a cobertura das prazas.

Os nacionalistas opóñense a esta redución de servizos e a intención de centralizar na cidade da Coruña o recoñecemento médico ao que se deben someter todos os mariñeiros da Costa da Morte que queiran embarcar.

O BNG advirte da intención do ISM de pechar o Centro de Sanidade Marítima Local de Corcubión e que sexa un precedente para pechar tamén o de Muros.

O deputado do BNG, Néstor Rego, exixiu no Congreso que se cubra a praza do persoal médico do Centro de Sanidade Marítima Local de Corcubión, que se atopa nestes momentos vacante debido a unha baixa por enfermidade e que do mesmo xeito, se garanta así a prestación da asistencia sanitaria debida aos traballadores e traballadoras do mar.

Tal e como explicou o deputado nacionalista, “este recoñecemento médico previo ao embarque é obrigatorio” polo que, a non prestación deste servizo no Instituto Social da Mariña situado en Corcubión fai que os mariñeiros de toda a súa zona de influencia deban desprazarse á cidade da Coruña, “o que supón un gasto económico e a perda dun día de faena que non se lle compensa, pois a atención debe realizarse en horas de traballo”. Por esta razón –salientou Rego- resulta imprescindíbel que se cubra coa maior brevidade a praza do persoal médico.

O sector do mar trasladou ao BNG a confirmación das sospeitas que tiñan sobre a intención do ISM de pechar o Centro de Sanidade Marítima Local de Corcubión e advirten que detrás deste peche virá o de Muros. O BNG oponse a esta redución de servizos e a intención de centralizar na cidade da Coruña o recoñecemento médico ao que se deben someter todos os mariñeiros da Costa da Morte que queiran embarcar.

Neste sentido, os nacionalistas critican que os problemas de cobertura de vacantes nos centros do ISM son bastante habituais e por este motivo, instan o Goberno a que realice as xestións necesarias que faciliten, potencien e garantan a cobertura das prazas vacantes por calquera motivo nos centros do ISM na Galiza.