BNG reclama o mantemento dos postos de traballo da planta de compostaxe de Lousame
A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, e a deputada no Parlamento Galego, Rosana Pérez, mantiveron un encontro co comité de empresa da planta de compostaxe de Lousame, no que lles trasladaron o respaldo do Bloque non só desde o punto de vista laboral, senón tamén medioambiental. “A implantación de pequenas plantas que realicen o tratamento de residuos é o modelo que defende o BNG fronte ao modelo ruinoso e contaminante de SOGAMA que defende a Xunta”, explicaron na reunión, na que tamén participaron portavoces do BNG nos distintos concellos afectados.
Segundo salientaron as nacionalistas, resulta imprescindible defender este servizo básico e garantir o tratamento da materia orgánica para a elaboración de compost, tal e como fai esta planta da serra do Barbanza. Estas instalacións prestan servizo a nove concellos e xeran máis de 150 postos de traballo, desempeñados na súa maioría por mulleres. Neste sentido, defenderon que é imprescindible garantir a continuidade das traballadoras e traballadores máis alá de 2023, ano no que remata a actual concesión de FCC.
“É necesario que se produza a licitación antes de que finalice esta concesión para garantir o emprego e a axeitada xestión de residuos nesta comarca”, manifestou a portavoz do BNG en Europa, quen reclamou investimentos europeos para cumprir cos obxectivos que marca a normativa europea. Ana Miranda avanzou que trasladará o tratamento de residuos en Galiza a Europa a través da Comisión de Peticións.
Oposición ao modelo SOGAMA
“O modelo de compostaxe é o modelo baseado na reciclaxe que defende a Unión Europea fronte ao modelo de SOGAMA, que ao estar baseado na incineración causa grandes prexuízos medioambientais”, salientou Ana Miranda, quen denunciou que o modelo SOGAMA Incumpre sistematicamente tres Directivas europeas, como son a de Vertido, de Envases e Marco de residuos. Así, indicou que SOGAMA non respecta a xerarquía de residuos en tanto que está baseado na non separación na orixe dos materiais, senón vai mesturada no transporte até a súa incineración, como ten denunciado o BNG tanto no Parlamento Galego como na Eurocámara,
Ademais do encontro co comité de empresa de compostaxe, Ana Miranda tamén realizou unha visita á mina de san Finx, onde se continúan sen levar a cabo as obrigadas medidas de restauración ambiental para evitar os prexuízos sobre a contorna e a potencial afección sobre a ría de Muros e Noia. “Desde o BNG estamos moi atentas á contaminación que provocan as explotacións mineiras debido as negativas consecuencias medioambientais que provocan”, indicou Miranda ao respecto.