BNG reclama máis profesionais no Sergas para mellorar a situación da saúde mental da mocidade galega
Denuncia que a falta de recursos na sanidade pública leva a buscar solucións na privada, fomentando a desigualdade das clases populares
O BNG presentou este martes no Parlamento unha proposición non de lei na que insta ao Goberno do PP a deseñar as medidas necesarias para mellorar a atención médica da saúde mental da mocidade en Galiza. O portavoz de Xuventude, Iago Suárez, reclamou máis profesionais especializados en saúde mental no Sergas “para non ter que buscar solucións na privada”, fomentando así desigualdade. Demandou ademais “proxectos psicoeducativos entre a mocidade galega”, que axuden a paliar unha situación “extremadamente seria”.
Segundo datos da Sociedade de Psiquiatría Infantil, os suicidios e as autolesións multiplicáronse desde a pandemia por catro en crianzas e adolescentes. Ademais, houbo un aumento moi significativo de uso de psicofármacos en menores de 30 anos.
O deputado nacionalista recriminoulle ao PP os “anos de políticas de recortes e precarización” que levaron á sanidade pública a unha “situación límite”. Lonxe de reaccionar, o Goberno galego “continúa sen reforzar o sistema sanitario e afonda no desmantelamento da atención primaria, negándolle o dereito á saúde da cidadanía e acabando cos servizos fundamentais”, engadiu.
Suárez denunciou que, na actualidade, Galiza conta aproximadamente cunha media de 3,5 psicólogas clínicas por cada 100.000 habitantes, mentres que no Estado a cifra sitúase se en torno a 5 e na Unión Europea, a 18. Para unha consulta de saúde mental, a día de hoxe, a lista de espera é dun ano. “Nun contexto de crise e precariedade, o benestar físico e psíquico é un luxo inaccesíbel para a mocidade do noso país, polo que, reclamou a necesidade de “desenvolver un sistema de saúde mental potente e cunha maior dotación de profesionais”.
No que respecta ao ensino, segundo datos do Barómetro Internacional da Saúde e do Benestar do Persoal da Educación, o 40% do profesorado manifesta síntomas de ansiedade ou depresión, unha porcentaxe que sobe ata o 65% no caso do estrés. Unha situación que Suárez cualificou de “brutal”, con protocolos anticuados que acaba por repercutir no profesorado, sobrepasado polas circunstancias”, subliñou.
Nos colexios do rural, “o adxectivo “dramático” queda curto, xa que o persoal de orientación non está a tempo completo, recaendo a xestión dos protocolos de suicidio en persoal non especializado”, recalcou. Por ese motivo, na iniciativa, o BNG reclámalle ao Goberno do PP que desenvolva proxectos psicoeducativos entre a mocidade galega que palíen esta situación. Ante este panorama, recriminou, “A Xunta do PP nin está nin se lle espera, e os mozos e mozas vense na obriga de acudir á privada”.