BNG reclama máis fondos para o Museo do Pobo Galego nun momento en que vai ampliar o espazo aberto ao público
A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a visita ao Museo do Pobo Galego para parebenizar á dirección do centro, en particular a súa presidenta Concha Losada, “a primeira na historia desta institución”, recalcou, que conta cunha “sólida equipa” da man do director Manuel Vilar.
A líder do BNG destacou que se trata dunha institución que é garantía de conservación e divulgación “do noso pasado e da nosa maneira de ser así como un referente de como desde a tradición podemos colocarnos á vangarda a través dun museo que é unha das institucións máis coñecidas e valoradas de Galiza”.
Pontón destacou que o momento de “expansión” que vive o museo é unha “oportunidade para incrementar o orgullo cara a nosa tradición e a nosa identidade”, ao tempo que trasladou o apoio do BNG á solicitude de máis recursos. “ Nesta etapa de medre o museo necesita máis recursos e as administracións públicas deben ser sensibles a esta necesidade dunha entidade que investiga e estuda o noso pasado, a nosa maneira de vivir e habitar o territorio e as nosas tradicións para proxectalas no futuro”.
O BNG, comprometeu Pontón, “vai seguir traballando e colaborando co museo porque é clave para o impulso e o coñecemento da nosa historia”, e ese apoio pasa tamén por sumarse a petición de máis recursos, en particular nun momento de crise de prezos que multiplica o gasto corrente de conservación, mantemento e funcionamento.
Pero tamén porque a entidade está a punto de abrir unha nova ala, ampliando a exposición permanente, “e iso debe ir acompañado dun incremento dos fondos da Xunta para o museo xa desde o vindeiro exercicio 2023”, concluíu, nunha visita na que tamén participou a portavoz parlamentaria de Cultura, Mercedes Queixas, e a portavoz municipal en Santiago, Goretti Sanmartín.