BNG reclama incrementar o investimento do Estado en Ourense

Ourense

Rego presenta emendas por preto de 132 millóns de euros para atender a crise industrial e social da cidade e a súa área de influencia.

A formación nacionalista aposta polas conexións ferroviarias como medio de transporte de futuro e demanda que o Goberno contemple partidas suficientes

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, presenta as emendas rexistradas co obxectivo de incrementar o investimento para Ourense no Proxecto de Orzamentos do Estado de 2022. A mellora das infraestruturas ferroviarias, o abaratamento dos billetes, o saneamento dos ríos e a mellora da seguranza viaria son os elementos centrais das emendas presentadas.

Rego estivo acompañado dos parlamentarios, María G. Albert e Iago Tabarés; o deputado provincial, Bernardo Varela; e os concelleiros de Ourense, Luis Seara e Rhut Reza. Destacou que o investimento territorializado previsto nos orzamentos de 2022 para Galiza supoñen un mellor punto de partida, pois incrementan o orzamentado no 2021, proxecto no que o BNG votou en contra por supor unha baixada dun 11% respecto dos anteriores orzamentos aprobados polo Partido Popular en 2018 e ante a falta de vontade do Goberno de coalición de incorporar ningunha das máis de 200 emendas presentadas pola organización nacionalista.

Porén, o investimento na Galiza debe ser incrementado para compensar o déficit en infraestruturas, o deputado pon o foco nas conexións ferroviarias e aposta pola vertebración do territorio galego a través da creación de servizos  de proximidade nas principais áreas metropolitanas do País. Reclama o abaratamento dos billetes, unha cuestión fundamental para Ourense. “Temos os billetes de tren máis caros de todo o Estado español de maneira incongruente e inexplicábel. É sorprendente que a viaxe de Ourense a Santiago poida valer 17.70 € cando ir de Madrid a Barcelona se pode facer por 7€” recrimina Rego. Así mesmo, aposta pola mellora da liña de tren convencional entre Ourense e Vigo e “conseguir unha vertebración real da zona sur do noso País.

Alén do máis, a organización frentista propón mellorar as infraestruturas viarias de Ourense, a comezar pola N-525 que acumula unha alta concentración de tráfico rodado. “O proxecto de remodelación do enlace da Rúa é unha obra da N-120 que estivo nos Orzamentos durante varios anos mais nunca se levou a cabo e entendemos que é moi importante para esta vila” explica Rego.

Por outra banda, sinala a necesidade de avanzar tamén nas conexións por estrada, sendo imprescindíbeis para iso a A-56 e A-76 en Ourense para “permitir unha mellor conexión de Valdeorras con León e a conexión polo sur con Portugal”. Así mesmo, tamén reclama a bonificación das portaxes na AP-53 porque “resulta inasumíbel para a maioría da poboación do noso País unhas peaxes de tan elevado custo”.

Tanto o deputado nacionalista como o portavoz municipal, puxeron especial atención na necesidade de acadar un investimento suficiente para o saneamento integral dos ríos de Loña e Barbaña. “Son ríos altamente contaminados debido ás constantes verteduras. O río Barbaña precisa unha rehabilitación integral e unha limpeza: tanto do rego como das marxes ao seu paso pola cidade” explica Rego.

Para o BNG tamén é fundamental o avance en políticas sociais, é por iso que presentamos unha emenda reclamando, por exemplo, o incremento das pensións mínimas, “aproveito que estou en Ourense” expón Rego, “que ten as pensións mínimas máis baixas en relación coma media do Estado, para reclamar a necesidade de incrementar as pensións mínimas co Salario Mínimo Interprofesional, medida que permitiría superar as tanto a fenda de xénero como a territorial” reivindica. “É imprescindíbel que o executivo interveña nas políticas de seguranza social, a política industrial e mesmo en política de reactivación económica e non por novos recortes sociais” explica.