BNG reclama incluír no Programa Bono Activa ao pequeno comercio de alimentación e o PP responde que o sector, apenas sentiu os efectos pandemia
BNG propuxo, a través dunha proposición non de lei defendida pola deputada, Carmela González, “ incluír ao pequeno comercio da alimentación no programa Bono Activa Comercio,A ou no seu defecto activar medidas de apoio específicas para o sector”.
A proposta do BNG foi rexeitada polo Partido popular argumentando que os establecementos de alimentación foron os menos afectados pola pandemia.
Na réplica, a nacionalista negou as afirmación da portavoz popular y reiterou que a iniciativa do BNG é produto das demandas dos praceiros e praceiras e pequenos comercios de alimentación que reclaman ser incluídos no programa.
Durante a pandemia, explicou Carmela González os comercios de mobles e informática experimentaron un auxe ao igual que os do sector deportivo, para mercar unha bicicleta, dixo, “había que agardar meses”.
A deputada lembrou que a Xunta de Galicia convocou, unha Orde o 8 de abril de axudas do Programa de dinamización e Incentivación do consumo nos comercios retallistas de Galiza, a través dos Bono Activa Comercio para axudar economicamente ás persoas consumidoras e fomentar o consumo nestes establecementos.
Ás axudas, engadiu poden acollerse os establecementos comerciais retallistas incluídos no IAE pero excluídos os comercios retallistas de produtos alimentarios (peixerías, carnicerías, tendas de alimentación, froiterías,...) a pesar das consecuencias económicas provocadas polo peche da hostalaría, “principal cliente en moitos casos”.
A orde non os inclúe porque o Partido popular considera que este sector foi “un dos menos afectados pola pandemia” pero a realidade é que o crecemento das ventas tiveron lugar nos hipermercados, supermercados e grandes cadeas de alimentación.
Onde pensan que mercan a carne, o peixe, e a froita, os restaurantes, os bares, as cafeterías? preguntou a deputada do BNG.
Á situación de crise que arrastraban moitos comercios retallistas de alimentación viuse agravada pola “competencia desleal” das grandes superficies de alimentación. A falta de políticas de apoio ao comercio retallista e as políticas de “apoio encubertas ás grandes cadeas”, da administración galega, está levando á desaparición do comercio retallista tradicional do noso país, aseverou Carmela González.
A xuízo da deputada, o cambio de hábitos das persoas consumidoras que durante a pandemia incrementaron a súa aposta polo comercio online foi outro factor negativo e de aí, dixo, a urxencia de incluír no Bono Activa Comercio os establecementos retallistas de alimentación ou no seu defecto, “activar medidas de apoio específicas para o sector”.
O comercio retallista dos produtos de alimentación, reiterou a nacionalista, precisan de axudas porque tamén sufriron os efectos da crise económica e unha boa parte do sector está “intimamente vinculada á hostalería”. Nesta liña, apuntou que os datos constatan que tanto a hostalería como o turismo canalizan “o 30% da facturación da industria e negocios, na súa maioría Pemes, e a facturación depende, até dun 80% deste sector”.
O bono afecta de distinta maneira dependendo do orzamento de gasto de cada familia. As familias que teñen un orzamento para os produtos contemplados no programa igual ou superior aos 150€ terán 30€ adicionais no seu orzamentos. Polo contrario, as familias que se acollan ao bono e dispoñan dun orzamento de gasto por debaixo dos 150€ no período de vixencia do mesmo,” non esgotarán o bono e como consecuencia non lles suporá ningunha axuda económica”, subliñou.
Imaxinan alguén nun ERTE, no paro ou cun soldo precario gastando cando menos 120€ en roupa, en flores, en xoguetes sexuais, etc. para recibir os 30€ do bono? “O PP vive nunha realidade paralela” porque a maioría das familias non chegan, ou chegan xustos a fin de mes e a maior parte do seu orzamento vai destinado á luz, auga, alugueiro e comida polo que precisan do Bono Activa Comercio nos comercios de alimentación para completar as súas necesidades básicas e ao tempo reactivar o comercio retallista de alimentación do noso país.
Estes negocios aglutinan pequenas tendas de barrio, postos de mercados e prazas de abastos e tendas do rural, “axentes imprescindibles para evitar a despoboamento do rural galego”.