BNG reclama implantar o sistema de gardas 24 horas nos xulgados de instrución de Vigo e A Coruña
Néstor Rego urxe estabelecer partidas orzamentarias específicas que garantan a implantación do sistema para unha mellor calidade do sistema xudicial na Galiza
A formación nacionalista lembra o compromiso de estabelecer xulgados de violencia machista en Santiago, Ourense e Lugo
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra no Congreso iniciativas para que o Goberno estabeleza un sistema de gardas de 24 horas en quendas rotatorias nos xulgados de Instrución nos partidos xudiciais de Vigo e A Coruña. A formación nacionalista presentará emendas aos Orzamentos Xerais do Estado de 2022 para que inclúan esta previsión e poder así atender de forma adecuada o elevado volume de asuntos tramitados, ademais da creación dos Xulgados de Violencia de Xénero en Santiago, Ourense e Lugo.
O Consello Xeral do Poder Xudicial vén de informar favorabelmente a implantación de sistema de gardas de 24 horas en quenda rotatoria nos partidos xudiciais de Vigo e A Coruña, tal e como acontecera anteriormente en partidos xudiciais de Murcia, Granada, Las Palmas e mesmo Córdoba. Este informe responde a unha demanda da Xunta de Xuíces e Xuízas de instrución de Vigo e A Coruña, así como do informe favorábel da Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza e co apoio das organizacións sindicais.
“O propio CXPX no seu informe recolle que esta medida permitiría mellorar o servizo que actualmente ofrece á cidadanía” explica o deputado do BNG. De facto, xa existe a posibilidade de estabelecer este tipo de servizos atendendo ao volume de asuntos penais tramitados, á poboación do partido xudicial e ás características da organización xudicial. “Como existen informes favorábeis dos organismos competentes e o Ministerio de Xustiza mostrou a súa conformidade coa implantación só queda saber se o executivo dotará con partidas orzamentarias suficientes este novo sistema” sinala Rego.
Para o deputado do BNG, Néstor Rego, non pode ser que os únicos partidos xudiciais de todo o Estado que reúnen os requisitos para implantar este sistema, Vigo e A Coruña, non conten a día de hoxe coas gardas de 24 horas. “Ademais de mellorar o funcionamento da administración de xustiza nestes partidos tamén se contribuiría á salvagarda dos dereitos fundamentais da cidadanía de Vigo e A Coruña” enfatiza Rego.
Por outra banda, o deputado lembrou o compromiso adquirido no acordo de investidura para aumentar o número de xulgados de violencia de xénero na Galiza e, no concreto, implantar de maneira urxente xulgados en Compostela, Lugo e Ourense. “O obxectivo é implantar nas principais cidades galegas este tipo de xulgados para unha distribución axeitada e adaptada á realidade territorial. Temos que garantir unha atención integral da violencia machista na xustiza” reivindica Néstor Rego.