BNG reclama garantir o financiamento do SAF e adaptar o servizo ás necesidades presentes e futuras
Olalla Rodil lamentou que os votos en contra do PP impediran que prospera a iniciativa nacionalista para garantir un servizo nas mellores condicións e cos recursos necesarios
A deputada do BNG, Olalla Rodil reclamou, a través dunha moción, garantir a sustentabilidade económica do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e adaptalo ás necesidades presentes e futuras de Galiza ante o “SOS” lanzado polos concellos, dende hai máis dun ano, pola imposibilidade de asumir as obrigas económicas do servizo.
Rodil lembrou que a Xunta e o goberno central desoen as demandas da FEGAMP
para atender as necesidades dun servizo que como todo sistema á Dependencia debe ser sufragado ao 50% polo goberno galego e a Administración central.
Por outra parte, esixiu á Xunta que cumpra os compromisos que figuran no convenio asinado no mes de outubro de 2021 para “crear un grupo de traballo conxunto entre as tres administracións, tal e como demandan os concellos galegos, co fin de abordar o financiamento do SAF e garantir, no inmediato, a sustentabilidade económica do sistema”.
Ademais, afirmou que urxe crear a comisión mixta Xunta-Fegamp para avaliar as condicións nas que se está prestando o servizo na actualidade e e adoptar as medidas necesarias para estandarizalo.
A nacionalista reiterou que “os concellos están asumindo un esforzo orzamentario que non teñen. Sobre todo os máis pequenos”. A Xunta achega 12 euros / hora e iso despois de moito pelexar para que o subiran, porque hai un par de anos pagaban 7 euros a hora. Pero o resto, explicou Rodil “é asumido polo orzamento municipal e á aportación das usuarias e usuarios en función da súa renda”.
A situación é insostible.
Hai concellos que pagan quilometraxe de desprazamento ás auxiliares, outros que non e cada quen paga segundo pode ou quere. “Hai quen ofrece servizos complementarios á atención básica pero a maior parte non poden ofrecelos”.
A realidade galega mudou moito nos 14 anos que ten de historia o SAF e con toda certeza, dixo a deputada seguirá transformándose, de aí a urxencia de anticiparnos e sobre todo “adaptar un servizo esencial que hoxe atende a case 26 mil persoas” cunha demanda crecente e novas necesidades xurdidas do envellecemento poboacional.
O BNG ten propostas concretas sobre cara á onde camiñar pero o que propoñemos hoxe é que a “revisión do servizo sexa consensuada e no marco do Consello galego de Benestar”.
Ademais é necesario unha avaliación do SAF e doutros servizos de atención no domicilio (Xantar na Casa, teleasistencia, os Coidados porta a porta...) a través de enquisas de valoración entre as persoas usuarias e traballadoras.
A partir dos resultados dese estudo, “crear un grupo de traballo específico no Consello para trazar as liñas que reforcen, fortalezan, amplíen e melloren a prestación do SAF e dos demais servizos”.
No BNG, afirmou a deputada, temos claro que “o dereito a unha vellez digna pasa por gañar en saúde, prevención da dependencia e promoción da autonomía persoal. Por dignificar o traballo de coidados con condicións laborais dignas e por garantir que nos facemos vellas nas nosas casas contando co apoio e cos servizos que necesitamos para gozar da máxima calidade de vida e benestar social”.
Pero todo isto, denunciou, non se consegue con “auxiliares do SAF que teñen que medicarse para ir traballar todos os días; que non se lles paga nin os quilómetros que fan no coche dunha casa a outra ou sobre o traballo realizado polas mulleres da casa, fillas ou noras”.
“Coidar é un traballo aínda que non che paguen por el e hai que garantir que se fai nas mellores condicións posibles e cos recursos necesarios”, concluíu.