BNG reclama garantía de mantemento de emprego tamén nas auxiliares de Endesa
Unha delegación da fronte nacionalista reúnese con representantes das industrias auxiliares que reclama, a continuidade da actividade da planta con biocombustíbeis e que se manteña a totalidade dos postos de traballo en tanto non haxa unha solución definitiva.
Néstor Rego destacou que o BNG ten presentado iniciativas para reclamar financiamento suficiente que asegure un plan de reindustrialización das Pontes e da comarca.
Noa Presas e Mon Fernández exixirán no Parlamento da Galiza a implicación activa da Xunta especialmente para a creación de solo industrial que permita o asentamento de novas actividades.
Unha delegación do BNG composta polo portavoz no Congreso, Néstor Rego, a deputada Noa Presas, o deputado Mon Fernández e a portavoz municipal nas Pontes, Silvia Pardo; reuniuse esta maña con representantes das empresas auxiliares de Endesa que reclaman solucións para a crise aberta polo anuncio de Endesa de cesar a actividade. A delegación dos traballadores afirmou que as probas que se están a realizar con biocombustíbeis, á espera de que así o certifiquen os informes, son viábeis tanto do punto de vista técnico como ambiental e económico. Por iso entenden que a actividade da central debe continuar e reclaman que, encanto non haxa unha solución definitiva, se manteña a totalidade dos empregos en Endesa como nas industrias das auxiliares.
Néstor Rego informou os traballadores e traballadoras das iniciativas presentadas polo BNG quer no Parlamento da Galiza quer no Congreso para conseguir que se manteña a actividade e o emprego e especialmente para garantir que a transición ecolóxica se realice con xustiza social. Isto significa reclamar financiamento e plans alternativos para a reindustrializacion das Pontes e da comarca.
Neste sentido o BNG ten rexistrado no Congreso unha Proposición Non de Lei pendente de debate na comisión de industria, comercio e turismo. Aliás, recentemente rexistrou unha nova PNL para impulsar con urxencia a constitución e convocatoria da Mesa das Auxiliares das Pontes e que se asuma o compromiso de manter o emprego dos máis de 200 traballadores e traballadoras da industria auxiliar.
Pola súa parte Noa Presas e Mon Fernández anunciaron que reclamarán no Parlamento da Galiza a implicación activa da Xunta nunha solución de continuidade para a actividade económica das Pontes e especialmente para que se poida crear o solo industrial suficiente que permita a instalación de novas empresas e a creación de postos de traballo.