O BNG reclama un fondo para cubrir os gastos extraordinarios dos comedores escolares e actividades de conciliación por mor da covid-19
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, mantivo un encontro coa Federación de ANPA de Pontevedra e reclamoulle á Xunta un fondo para cubrir os gastos extraordinarios dos comedores e actividades de conciliación por mor da pandemia da covid-19. Emprazou Feijóo a acabar “coa improvisación e a que asuma as súas competencias e responsabilidades en materia de Educación”.
“Diciamos hai meses, cando empezou a grave crise da covid que ningún goberno estaba preparado para poder xestionar unha pandemia destas características, mais o que non pode ser é que seis meses despois vexamos como a Xunta de Galiza caeu nesa improvisación”, explicou en declaracións aos medios tras o encontro.
A pesar de saber desde o 14 de marzo que o 10 de setembro empezan as aulas, a Xunta non fixo os deberes e hoxe hai “unha situación de incerteza que é unha falta de respecto aos nenos e nenas, ao profesorado e tamén ao conxunto das familias”. O Goberno de Feijóo tivo 6 meses para preparar o inicio de curso e puido decidir reducir as ratios, contratar profesorado, consensuar un protocolo e proporcionarlles ás familias un inicio de curso con todas as garantías sanitarias. “Esta pandemia non pode facer que unha xeración de nenos e nenas perda algo tan importante como o dereito á educación”, afirmou.
Acusou a Xunta de caer na improvisación e de demostrar “a súa falta de capacidade para xestionar esta crise, cun desleixo de funcións onde parece que a única preocupación é botar balóns fóra”. Deste xeito, preguntouse para que serve a Consellaría de Educación ao non ser capaz de asumir a súa competencia no inicio de curso. Así, emprazou Feijóo a acabar “coa improvisación e a que asuma as súas competencias e responsabilidades”. No tempo que queda, ten que consensuarse coa comunidade educativa un protocolo seguro e eficaz, coa contratación de máis profesorado en todos os niveis educativos e se reduzan as ratios para garantir a seguridade, tendo en conta que as competencias en Educación son exclusivas de Galiza e, polo tanto, correspóndelle á Xunta definir o protocolo en caso de que existan rebrotes nos centros.
Actividades de conciliación
Destacou tamén a necesidade de medidas de conciliación “porque están no aire programas como os de madrugadores, comedores e actividades extraescolares” e a Xunta non pode escudarse en que son actividades das ANPA. A existencia destas actividades é un exercicio básico para a conciliación e a Xunta ten que responsabilizarse con diálogo coas ANPA, explicou.
Reclamou un fondo extraordinario para cubrir os gastos que teñen os comedores escolares e estas actividades porque, segundo explicaron da FANPA de Pontevedra, “o custe de comedor se incrementou nun 40% e familias que teñen unha situación de asfixia económica non poden asumir ese gasto, a renovación dos libros e máscaras para a volta ao cole”.
O BNG propón que a Xunta habilite un fondo extraordinario para as ANPA que xestionan os comedores e darlles garantías xurídicas, facer un reparto gratuíto de máscaras nos centros escolares e, sobre todo, debe sentar coa comunidade educativa para garantir que os nenos e nenas van ter unha volta ao cole segura. Por iso, os concellos onde goberna o BNG tamén van arrimar o ombreiro e asumir os gastos extraordinarios da limpeza e desinfección dos centros a pesar de que non é a súa competencia e de que debe ser a Xunta quen financie estes recursos.
Pola súa parte, o deputado do BNG responsábel de Educación, Manuel Lourenzo, sinalou que nin as familias nin as ANPA saben que vai acontecer co inicio de curso no relativo a comedores, ratios, profesorado e horarios. “Esta situación de improvisación da Xunta é insostíbel”, afirmou, polo que demandou “o dereito fundamental a unha educación de calidade que esta situación de pandemia require”.
Na reunión, ademais de representantes da FANPA, tamén participaron os deputados Manuel Lourenzo e Luís Bará; a concelleira Carme Fouces e o responsábel comarcal do BNG de Pontevedra, Demetrio Gómez.
Conferencia de Presidentes
Sobre a Conferencia de Presidentes onde se vai tratar os criterios para o reparto de fondos da Unión Europea, Ana Pontón destacou que na Sesión de Investidura xa o BNG propuxo un acordo sobre eses fondos que van ser importantes para a reconstrución.
“Como Feijóo non é capaz de defender os intereses de Galiza, saímos malparados en todos os repartos de fondos, polo que entendemos que deberiamos sentar todos os grupos políticos e definir unha posición de país para que Galiza non perda nese reparto de recursos que van ser necesarios para a recuperación económica e social”, concluíu.