O BNG reclama a fin da precariedade do persoal que loitou contra o coronavirus
Noa Presas exixe que o SERGAS deixe de incumprir o Pacto de contratación e empregue os reforzos da COVID-19 para cubrir as baixas e as vacacións do resto de persoal
A candidata convida a converter os aplausos nunha nova política de persoal a partir do 12X
A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, mantivo un encontro co colectivo de técnicas sanitarias integrantes nas listas de contratacións eventuais. Presas reivindicou o fin da precariedade laboral no persoal que loitou contra o coronavirus durante estes meses e convidou a transformar os aplausos nunha nova política de persoal a partir do 12X.
Durante a xuntanza presencial co persoal, a candidata denunciou que o SERGAS está aproveitando a crise da COVID-19 para incumprir as listas de chamada e o pacto de contratación exixente. “A Xunta non está dando preferencia ao persoal integrado nas listas de forma que por pura propaganda electoral está ampliando contratos de reforzo extraordinarios aplicados polo coronavirus” sinalou a candidata do BNG por Ourense. Asemade, sinalou que esta situación está a provocar que moito persoal “que loitou tamén en primeira liña co coronavirus, e que tiña dereitos adquiridos, se atope agora no desemprego e sen perspectiva de cando poderá volver traballar”.
Por outra banda, a formación nacionalista destacou o proceso de recortes e privatizacións que levou a cabo o PP durante os once anos que gobernou a Xunta de Galiza. Esta etapa provocou xa non só un recorte nos servizos públicos e na sanidade pública senón tamén unha vulneración dos dereitos do persoal público.
Esta situación en concreto prexudica a enfermeiras e TCAE (Técnicos en Coidados Auxiliares de Enfermería), colectivos que foron dos máis agraviados na política de persoal levada a cabo polo Partido Popular. “Non sobra ninguén aquí. Hai sitio para todas estas profesionais e podería darse continuidade ao persoal contratado extraordinariamente na COVID-19” sinalou a candidata do BNG.
Converter aplausos nunha nova Galiza con políticas públicas
Así mesmo, a candidata por Ourense durante a xuntanza animou a transformar os aplausos nunha nova política de persoal que poña fin á precariedade e temporalidade. “Hai que enfrontar un Plan de Recuperación de citas pendentes que vaia compensando as anulacións e aprazamentos destes meses, aprazamentos que en moitos casos poden derivar no agravamento das patoloxías se non son atendidas a tempo” concluíu Presas.