BNG reclama un Estudo de impacto ambiental “conxunto” dos 6 parques eólicos proxectados no Monte do Gato e o PP rexeita a iniciativa nacionalista
Mercedes Queixas cualificou de “trama” para espoliar o Monte do Gato publicar, “ despois de dous anos”, seis Declaracións de Impacto Ambiental que mesmo confirman a fragmentacións dos parques e inciden na falta de rigor e abandono da protección das persoas e o territorio
Lamentou que unha vez máis, o Partido popular votara en contra da proposta para seguir favorecendo ás empresas eléctricas
A deputada do BNG, Mercedes Queixa defendeu unha proposición non de lei para reclamar “un Estudo de impacto ambiental conxunto” dos 6 parques proxectados no Monte do Gato. A proposta nacionalista non prosperou polo votos en contra do Partido popular e a abstención do PSdG-PSOE.
Na defensa da iniciativa, a nacionalista cualificou de “trama” para espoliar o Monte do Gato “publicar despois de dous anos”, seis Declaracións de Impacto ambiental que mesmo confirman a fragmentación dos parques e inciden na falta de rigor e garantías ao que sumou a desprotección das persoas e o territorio .
O Monte do Gato, explicou Queixas, é o núcleo principal e corazón da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, é “un territorio natural caracterizado por un alto valor cultural, ambiental, patrimonial e social”.
Nel, encóntrase a maior necrópole megalítica do Neolítico de toda Galiza e unha das máis grandes de Europa; os restos dun monumento BIC, a Torre Teodomiro; unha importante extensión de hectáreas de humidais, as Brañas do Deo, que constitúen unha reserva hídrica fundamental para a comarca, así como un espazo óptimo para asegurar a biodiversidade dun alto valor ecolóxico con especies de flora e fauna protexidas.
Patrimonio social, cultural, natural e medioambiental que, lonxe de ser reforzado na súa protección polo goberno, inexplicabelmente “foi abandonado para facer un uso forestal descontrolado, provocando a súa degradación por inacción, permitindo plantacións de eucaliptais, “mesmo ilegais”, na Braña de Portomoeiro e sangrado das brañas coa intención de proxectos empresariais, nalgún momento de tipo inmobiliario”.
O Partido popular, dixo non cumpriu a Directiva Habitat prioritario da UE, e “modificou leis para favorecer empresas do oligopolio eléctrico” e agora estamos ante un novo ataque coa tramitación de 6 parques eólicos, 3 proxectados por Galenergy e 3 por Greenalia.
Tras dous anos, e tempo record, a Xunta publicou 6 Declaracións de Impacto Ambiental sendo 5 favorábeis e 1 desfavorábel. O que non fixeron en 2 anos, recalcou Mercedes Queixas “conseguírono en 10 días” resolvendo as 6 DÍAS, “sen rigor, nin garantías”.
Nas propias declaracións de impacto, afirmou “recoñécese que hai un posíbel fraccionamento dos proxectos”. Por outra parte, as DÍAS “non recollen as mostras de patrimonio arqueolóxico e ignoran o valor dos muros de pedra catalogados como Patrimonio da Humanidade, tampouco reflicten a existencia de varias minas de extracción de mineral sobre as que a veciñanza tentan confirmar se existe toxicidade que podería reforzarse cos movementos de terras.
A deputada nacionalista advertiu que a instalación dos parques representa unha “devastación irreversíbel” que aínda estamos a tempo de frear polo que volveu a reclamar un Estudo de impacto ambiental conxunto dos 6 parques eólicos proxectados no Monte do gato agora que xa está evidenciado nas propias DIAS que se trata dunha fragmentación e denegar a autorización a estes proxectos que carecen dese estudo imprescindíbel.
Tras a intervención da portavoz popular Díaz Monteira , a deputada do BNG lamentou que unha vez máis o PP goberne para ás eléctricas utilizando “cambios e irregularidades como o fraccionamento ilegal”.
O PP foi demasiado lonxe elaborando unha lexislación á medida das empresas e cometendo irregularidades que xa anulou a xustiza e que poden incorrer en responsabilidades penais como a denuncia en curso de ADEGA contra a Xunta por perdoarlle 11,7 millóns a Greenalia, concluíu.