O BNG reclama unha estratexia cultural vinculada á tradución e a creación dunha Comisión técnica que decida os criterios das obras seleccionadas

Queixas mantivo unha reunión con representantes do sector editorial e da tradución

 

Mercedes Queixas critica a falta de rigor na selección das obras para a súa tradución ao galego ou dende o galego e reclama á Xunta diálogo co sector editorial e profesionais da tradución

Tras o encontro con representantes das empresas editoriais galegas e profesionais da tradución, a portavoz de Cultura do BNG no Parlamento galego, Mercedes Queixas, criticou o “desleixo” da Xunta de Galiza na recente resolución da convocatoria de axudas para a tradución literaria.

Unha convocatoria que, a xuízo da nacionalista, volve a ser “herdanza dun sitema viciado” e no que a Xunta volve a decidir en solitario ignorando as propostas remitidas polo propio sector editorial e profesionais da tradución.

Para a portavoz nacionalista de Cultura, esta convocatoria realizouse “sen rigor nos criterios de selección das obras” destinadas á tradución ao galego ou ben dende a lingua galega.

“Dende o BNG -afirma- demandamos do Goberno galego unha estratexia cultural vinculada á tradución e que sitúe a literatura galega dentro do ámbito da literatura universal”.

Así mesmo, Queixas reclama unha “mesa de diálogo real e inclusiva co sector”, co fin de revisar as actuais bases de cara a unha próxima convocatoria. Neste sentido, a deputada nacionalista avanzou que o BNG defenderá no Parlamento galego a creación “dunha comisión técnica” para avaliar os criterios da convocatoria e a  resolución da mesma.

“Urxe poñer en marcha unha verdadeira estratexia de internacionalización dende a literatura galega”, conclúe.