congreso

BNG reclama a equiparación das condicións laborais do Servizo de Gardacostas da Galiza aos demais grupos de vixilancia marítima

Néstor Rego
A formación nacionalista considera que as funcións que realizan as e os traballadores do Servizo de Gardacostas son semellantes ás do Servizo de Salvamento Marítimo, polo que deben ter os mesmos dereitos.

Néstor Rego propón estabelecer coeficientes redutores da idade de xubilación do persoal e recorda que isto xa se aplica no Réxime especial de traballadores do mar, en que estiveron integrados antes da creación do Servizo.

BNG vén de rexistrar no Congreso varias iniciativas para reclamar que se estabelezan coeficientes redutores a efectos de determinar a idade ordinaria de xubilación do persoal do Servizo de Gardacostas da Galiza. Lograríase así, tal e como declara o deputado da organización nacionalista, Néstor Rego, camiñar na equiparación das condicións laborais das e dos traballadores deste servizo en relación co Servizo de Salvamento Marítimo, por realizaren funcións moi similares dentro do ámbito das súas competencias.

O Servizo de Gardacostas da Galiza creouse en abril de 2004 desenvolvendo tarefas de vixilancia  nas augas competencia da Xunta de Galiza. Teñen tanto función executivas, como preventivas e paliativas, realizando tamén actuacións dirixidas ao control dos estabelecementos e actividades de explotación dos recursos mariños desde a súa produción até a súa comercialización e transporte ao consumo final.

O deputado nacionalista defende a equiparación das condicións laborais do Servizo de Gardacostas xa que “están a realizar actividades e funcións moi semellantes as encomendadas no Servizo de Salvamento Marítimo dentro do ámbito das súas competencias en augas galegas”.  Na opinión do deputado nacionalista “é xusto que se lle dea tamén un tratamento específico que atenda o réxime de traballo, ao deber de dispoñibilidade, de nocturnidade, de perigosidade, celeridade”.

“É necesario estender esta regulación aos traballadores do Servizo de Gardacostas da Galiza, que xa estiveron integrados no réxime especial de traballadores do mar no que xa se contemplan os coeficientes redutores da xubilación polas duras condicións do traballo que realizan” afirma o deputado do BNG. Por este motivo, a Proposición Non de Lei que rexistrou Rego, reclama estabelecer tamén coeficientes redutores na idade de xubilación do Servizo de Gardacostas, como teñen os traballadores do mar e como teñen outros servizos de vixilancia.

“Reducirase a un período equivalente ao que resulte de aplicar o coeficiente do 0,15 os anos completos traballados como persoal do Servizo de Gardacostas da Galiza ou en colectivo que ficaron incluídos no mesmo” reza a iniciativa presentada como unha das pautas formuladas. Así mesmo, como segunda pauta, a formación nacionalista quere estabelecer que o período de tempo en que resulte reducida a idade de xubilación do traballador, compute como cotizado para determinar a porcentaxe aplicábel á correspondente base reguladora e así, calcular o importe da pensión de xubilación.