BNG reclama a Educación o mesmo trato para o alumnado das cidades e de medio rural
O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas formulou unha pregunta á consellería de Educación sobre a comunicación da empresa concesionaria do servizo de transporte anunciando que o alumnado do concello de Boimorto non pode facer uso das rutas do Instituto a partir do xoves 4 de marzo e indicando ao Concello e a ANPA a posibilidade de contratar transporte complementario cumprindo os requisitos que dispoña Mobilidade. O Concello pode solicitar a extensión das liñas de transporte regular de viaxeiros dependente de mobilidade.
Para o deputado, o aviso da nova medida é realizado a mediados de curso e evidencia quen “manda e ordena” nas oportunidades e futuros dos alumnos e alumnas do rural , “ a Dirección Xeral de Mobilidade”.
A xuízo do nacionalista, con este tipo de medidas, o bacharelato no medio rural e a Formación profesional poden converterse nunha cuestión de privilexiados. Mini criticou as condicións e falta de servizos básicos nalgúns concellos e explicou que si vives no concello onde está o Instituto tés dereito ao transporte porque a outra alternativa é “abandonar o rural e ir vivir á vila ou á cidade”.
“De Boimorto, Sobrado e Vilasantar van a Arzúa cursar bacharelato 11 alumnos e alumnas en total, 9 deles ían no transporte Rico e 2 levábanos os pais. Os que van a bacharelato a Curtis, 8 alugaron un taxi e 2 en autobús de Sobrado, Vilasantar e Boimorto”. Por qué os estudantes de bacharelato do término municipal de Arzúa teñen cuberto ese dereito para ensino non obrigatorio e os dos concellos da súa área non? preguntou.
Antes da remodelación, explicou o deputado existían acordos entre os pais e transportistas, con prezos asequibles e unha axuda do concello. Hoxe, “nesta nova realidade moderna de baleirado do rural”, as empresas que fan o transporte escolar seica non teñen permiso para faceren ese tipo de servizo deixando, unha vez máis, aos rapaces e rapazas das aldeas gravados cun sobrecusto importante. “Cen ou cento vinte, euros ao mes por fillo, dependendo da distancia”.
Asemade, engadiu, as becas actualizadas para bacharelato non contemplan o transporte. Antes contaban os km de desprazamento e incluíanse no importe da axuda.
O nacionalista preguntou entre outras cuestións: Por que desde Mobilidade non se tiveron en conta as peculiaridades e necesidades do alumnado rural de bacharelato á hora de facilitar acceso aos centros de referencia? Cal foi a razón pola que as becas para alumnos de bacharelato xa non contemplan as distancias do alumno/a ao centro de referencia? Cal é a razón pedagóxica pola que a Consellería de Educación comunicou á empresa concesionaria do servizo de transporte que o alumnado do concello de Boimorto non poderá facer uso das rutas do Instituto de Arzúa, a partir do xoves 4 de marzo? Que tipo de “ autoodios” manexa a Dirección Xeral de Mobilidade e a Consellería de Educación para condenar ao alumnado do rural a esta discriminación?