O BNG reclama que se destinen os 5,2 millóns de euros anunciados pola Xunta para axudas ao marisqueo a pé
O BNG rexistrou unha Proposición Non de Lei para debate en Pleno no Parlamento para instar o Goberno da Xunta a destinar a totalidade do importe de 5,2 millóns de euros anunciados para axudas para a apoiar a sustentabilidade do sector do marisqueo a pé durante o ano 2020.
Segundo explicou a deputada Rosana Pérez, “no pasado mes de agosto a Consellaría do Mar anunciou, con gran profusión, unha serie de axudas destinadas ás profesionais que, debido á alerta sanitaria provocada pola COVID 19, se viron afectadas polo cese temporal da actividade”.
A propia conselleira difundiu as axudas por xornada de inactividade contrapoñéndoas, pola súa maior contía, ás do Goberno español. Porén, o obxectivo principal desas achegas extraordinarias para compensar a caída da comercialización polo peche da hostalaría e da restauración durante o Estado de Alarma viuse totalmente esvaecido unha vez publicada a Orde do 4 de agosto do 2020, pola que se regulan as bases e a convocatoria das mesmas.
A publicación desta orde é posterior á da convocatoria das axudas estatais polo que, no momento da súa publicación, había xa un gran número de persoas afectadas acollidas a outras subvencións que son incompatíbeis con estas.
A maiores, o artigo 7 desta convocatoria especifica como días de parada subvencionábeis a diferenza entre os días de actividade extractiva media no período de referencia (do 16 de marzo ao 30 de xuño) nos tres anos anteriores ao 2020 e os días realmente traballados no 2020. E é precisamente a media de días estabelecida para os anos 2017, 2018 e 2019 nas distintas zonas o que está a causar verdadeira sorpresa entre o colectivo de mariscadores e mariscadoras. Na maioría dos casos, segundo explicou, esa media queda moi por baixo do que foi a realidade, polo que a contía total das axudas para cada afectado ou afectada verase finalmente moi minguada.
“Como consecuencia, boa parte dos máis de 5,2 millóns de euros destinados a estas axudas poden quedar sen execución e os grandilocuentes anuncios da Consellaría só en iso, en simples anuncios”, advertiu a deputada do BNG.