BNG reclama destinar máis recursos ao sistema de protección social e garantir así os dereitos das crianzas en acollida
Ariadna Fernández critica a falta de sensibilidade do PP e pide un plan de fomento de acollemento familiar para os menores non acompañados
A deputada Ariadna Fernández vén de presentar no Parlamento unha batería de iniciativas para esixirlle á Xunta máis recursos para o sistema de protección social, así como un plan de fomento de acollemento familiar para os menores non acompañados e máis recursos económicos para os centros de protección que atenden a este colectivo e a outros menores.
A responsable de Infancia do BNG reclámalle ao Goberno do PP maior sensibilidade diante da situación que se está a vivir cos menores estranxeiros non acompañados, afeándolle que utilice este colectivo de crianzas que “veñen fuxindo de situacións tráxicas e de horror nos seus países de orixe, de catástrofes e de guerras” como motivo de confrontación co Estado.
Ademais de reformar a Lei de Inclusión Social -sen actualizar desde 2013- a deputada nacionalista demanda desenvolver un plan individual onde se detalle a educación e as medidas específicas de integración destinadas a este colectivo en Galiza, garantindo así os seus dereitos e garantindo que estes nenos e nenas teñan unha oportunidade de futuro.
“É evidente que a preocupación por estes menores desde a Xunta de Galiza é mínima”, asegura a deputada, que lembra que a situación actual das Illas Canarias é de especial gravidade, con máis de 5.500 menores tutelados polo Goberno insular e cunhas expectativas de duplicarse ata finais deste 2024. No caso de Galiza, vanse recibir 26 nenos, nenas e adolescentes non acompañados, unha cifra que a deputada nacionalista considera “moi baixa” xa que é inferior á dos últimos anos. En 2022 estaban en acollemento un total de 177, dato tamén menor ca en 2018 e 2019, onde superaban con pouco a cifra dos 200, subliña.
Fernández advertiu que “a pesares das boas intencións que a Xunta do PP quere facer ver”, a realidade é que “non son capaces de disimular o descontento co ‘reparto’ por parte do Estado español destes menores non acompañados, con declaracións nas que sequera son quen de evitar o termo ‘Menas’, expresión que os cousifica e vai en contra da Convención dos Dereitos do Neno” e que moitas ONG profesionais piden deixar de empregar polo seu carácter despectivo.
Criticou a postura de membros do Goberno galego e a do seu líder en Madrid ao usar estes menores nunha “contenda co Goberno do Estado” ou cualificar a situación de ‘avalancha’ ou ‘resultado dun efecto chamada’ para asegurar que “non é máis ca unha maneira a maiores que ten o Goberno do PP de amosar a súa falta de sensibilidade con este colectivo cuxas circunstancias non lles importan en absoluto polo que parece”.
Fernández recorda que os nenos, nenas e adolescentes que chegan ao Estado español “veñen fuxindo de situacións tráxicas e de horror nos seus países de orixe, de catástrofes e de guerras” para subliñar que o “deber e responsabilidade de acollelos, protexelos e evitar o seu desamparo” así como garantir o benestar destes menores e ademais de proporcionarlles unha oportunidade de futuro “fóra de contendas políticas”.
“Son menores en grave risco de exclusión social que precisan de acollida e unha responsabilidade social e administrativa levar a cabo as medidas que garantan a súa protección”, asegura, para sinalar que é cada comunidade autónoma a encargada da súa tutela cando o retorno aos seus lugares de orixe non é posible.
Advirte que “a realidade é outra, xa que hai menores estranxeiros non acompañados que viven de xeito temporal ou permanente na rúa”, ao que lle hai que engadir o índice de pobreza e exclusión social deste colectivo, un 40% do total e moi superior ao rexistrado nas persoas con nacionalidade española.